A Asociación Área Empresarial do Tambre asina un convenio con Quality Consultores
O convenio, subscrito por ambas partes nun acto celebrado nas instalacións do Centro Empresarial do Tambre, estableceuse co obxecto de mellorar os servizos que a Asociación ofrece aos seus asociados
A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) asinou onte un convenio de colaboración empresarial con Quality Consultores. O acordo foi rubricado polo presidente da Asociación empresarial, Jesús Chenel, e o administrador da consultoría Ignacio Jesús Borregán.
O convenio, subscrito por ambas partes nun acto celebrado nas instalacións do Centro Empresarial do Tambre, estableceuse co obxecto de mellorar os servizos que a Asociación ofrece aos seus asociados.
O acordo, dun ano de vixencia, céntrase en dous obxectivos fundamentais: ofrecer descontos especiais para os asociados nos servizos ofrecidos por Quality; e establecer unha colaboración entre o despacho profesional e a Asociación que sirva para impulsar e promocionar actuacións encamiñadas a mellorar a actividade e cooperación empresarial, información e formación, dentro dos servizos e competencias de ambas entidades.
En canto aos beneficiarios dos descontos en servizos e produtos de Quality son todos os asociados da Asociación. Poderán beneficiarse de importantes rebaixas nos servizos de asesoría xurídica prestados por Quality sobre as súas tarifas habituais; un bono en consultas xurídicas para cada empresa, equivalente a tres consultas xurídicas gratuítas; un servizo de consulta na sede da Asociación; tramitación de expedientes administrativos e incidentes derivados; e un desconto nos seus honorarios profesionais no relativo á representación xudicial.
Ademais, a Asociación e Quality colaborarán conxuntamente na organización de xornadas, talleres ou outras accións formativas e informativas que acorden mutuamente.