Aumentan a pena a un condenado porque consideran que a súa intención era violar á vítima
O alto tribunal galego, tras analizar os feitos probados na sentenza, considera que o “lóxico e racional” é “inferir que o acusado pretendía penetrar á vítima"
A Sala do Civil e Penal do TSXG estimou o recurso de apelación interposto pola acusación particular contra a sentenza da Seccción Segunda da Audiencia Provincial de Ourense que condenou a dous anos de cárcere ao home que o 27 de setembro de 2017 tentou agredir sexualmente a unha muller que facía deporte nun paseo fluvial situado no partido xudicial de Xinzo de Limia.
O TSXG decretou, tal e como reclamaba a vítima, que o sospeitoso tentou violala, polo que o condena a tres anos e medio de cárcere como autor dun delito de agresión sexual con acceso carnal en grao de tentativa. A Audiencia sentenciarao a menos pena –dous anos de prisión- porque o considerou autor dun delito consumado de agresión sexual básica polos tocamentos aos que a someteu.
“Está claro que o acusado realizou varios actos violentos contra a vítima, á vez que lle tocaba peitos e pernas, pero, ademais, e moi decisivamente, é innegable que deu principio á execución do acceso carnal ao baixar ata os xeonllos as mallas que levaba postas”, argumenta a Sala do Civil e Penal do TSXG no fallo.
O alto tribunal galego, tras analizar os feitos probados na sentenza, considera que o “lóxico e racional” é “inferir que o acusado pretendía penetrar á vítima, ben fose vía vaxinal, ben mediante a introdución de membros corporais como as mans”.