Arden dúas palleiras en Arzúa e Muxía
Afortunadamente non se rexistraron danos persoais
Ao fío da 01:00 horas desta madrugada, unha persoa particular chamaba ao 112 Galicia para pedir axuda. Indicaba que lle ardía a palleira que tiña ao carón da casa, no lugar de Seixas, en Arzúa e que outras casas tamén podían correr risco. Así, con estes datos, os profesionais do 112 axiña informaron aos membros do parque comarcal, ao igual que á Garda Civil e a Protección Civil.
Os Bombeiros, nada mais extinguir o lume, indicaron que ardeu un galpón anexo a un alpendre onde, os donos, gardaban diversos electrodomésticos e de aí propagouse a unha palleira onde arderon uns once rolos de herba seca.
En Muxía, pasados uns minutos das 19:00 horas de onte, o CIAE recibía a alerta de outro particular que informaba dun incendio nunha cuadra con animais en Muxía, en Guisamonde, na parroquia de Morquintián. Ata o punto, desprazáronse os Bombeiros de Cee que foron alertados polo 112, nada mais recibir a chamada de alerta. Igualmente, os xestores de emerxencias pasaron aviso do acontecido á Garda Civil e a Protección Civil.
Unha vez extinguido o lume e refrixerada a zona, os Bombeiros indicaron que ardeu parte do teito dun pequeno alpendre e tres galiñas morreron a causa do lume. Todo parece indicar que unha cheminea puido ser a orixe do incendio.