Os Populares manteñen unha reunión con COGAMI
Hernández agradeceu aos responsables desta entidade a súa labor para conseguir que a incorporación ao mundo laboral das persoas con diversidade se converta no mellor camiño para a súa integración
O voceiro do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, acompañado da concelleira María Corral, visitou onte COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) para coñecer de primeira man o traballo da entidade e as necesidades dos usuarios deste organismo.
Os representantes do Grupo municipal Popular e de COGAMI destacaron a importancia de intensificar a colaboración e coordinación coas administracións públicas, co fin de mellorar as condicións das persoas con diversidade funcional.
O responsable de COGAMI explicou as labores que se levan a cabo desde a confederación, que está a traballar en distintos eidos, aínda que quixeron destacar o esforzo que están a facer nas áreas do rural, onde as persoas se atopan con maiores dificultades para desenvolver a súa vida diaria.
Hernández agradeceu aos responsables desta entidade a súa labor para conseguir que a incorporación ao mundo laboral das persoas con estas problemáticas se converta no mellor camiño para a súa integración.
Para Agustín Hernández, é imprescindible traballar para acadar a plena inclusión das persoas con discapacidade en todos os eidos da sociedade, polo que considera imprescindible que "o Concello de Santiago manteña unha colaboración estreita coas entidades en función da súa experiencia".
Durante a xuntanza, o Grupo Municipal Popular manifestou o seu interese por intensificar a colaboración con esta entidade, co fin de facer propias as súas iniciativas e converter en realidade a mellora das oportunidades deste colectivo.