A Xunta de Galicia destinará a Sanidade case 4.000 millóns de euros en 2019
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, compareceu no Parlamento para explicar os orzamentos do seu departamento para 2019.
O orzamento que a Xunta de Galicia destinará á Consellería de Sanidade para 2019 acadará os 3.984 millóns de euros, a cifra máis alta da historia da Comunidade Autónoma. Isto supón un aumento do 3,3%, que se traduce nun incremento de 127 millóns respecto ao ano pasado. Así o explicou o conselleiro Jesús Vázquez Almuíña na súa comparecencia en sede parlamentaria para explicar as contas do seu departamento para o vindeiro ano.
Na súa intervención, Almuíña detallou que o 43% do orzamento será destinado aos profesionais, e anunciou unha oferta pública de emprego para 2018. Tamén comunicou que se porá en marcha o Primeiro Plan de Igualdade entre homes e mulleres no Sergas que definirá medidas específicas na selección e promoción profesional, na política salarial, na conciliación ou en situacións de violencia de xénero.
Por outro lado, o conselleiro destacou medidas concretas, como a mellora de acceso á atención farmacéutica grazas á apertura de novas farmacias, o impulso do calendario de vacinacións entre as persoas adultas ou o inicio da implantación do cribado de cérvix. Afirmou tamén que os doentes crónicos e pacientes oncolóxicos serán unha prioridade e anunciou un Plan Galego de Saúde Mental e a apertura dunha unidade de saúde mental en Vigo.
En canto aos investimentos, o titular de Sanidade comunicou unha partida de 44,1 millóns para a construcción e actualización de equipamentos nos hospitais da Coruña, Ferrol, Santiago e Barbanza. Tamén se destinarán partidas para a ampliación e reforma do Hospital da Mariña, do Hospital Meixoeiro de Vigo e do Gran Montecelo de Pontevedra. Para a atención pirmaria, o conselleiro anunciou unha partida de 18,7 millóns que contribuirá a continuar coa construcción e equipamento de centros de saúde nos concellos galegos.