O proxecto "Stay here" converterá ás Torres Hejduk nunha matrioska interactiva
A peza escultórica de Alejandro Ginés (Sevilla, 1984) gaña o VI Concurso de Intervencións Artísticas neste espazo do Gaiás do Encontro de Artistas Novos
O proxecto Stay here, do sevillano Alejandro Ginés, resultou gañador da VI Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, convocado entre os e as participantes do Encontro de Artistas Novos (EAN) 2018. Trátase dunha peza escultórica, a modo de torre coroada por unha cadeira pregada, que converte as edificacións ideadas por John Hejduk –e construídas por Peter Eisenman no Gaiás a modo de homenaxe– nunha especie de enxeñosa matrioska, que convida á participación de quen a ve, tanto no seu posible manexo como nas súas múltiples lecturas.
Stay here levarase a cabo na Torre Hejduk de cristal, mentres que na opaca estará exposta, sobre unha base alzada, a maqueta da obra a escala 1:10. O xurado valorou á hora de elixir este proxecto a presenza do cinético e o cotián para suxerir novas olladas e evocacións por parte de Alejandro Ginés. Precisamente, o funcionamento cinético da peza describe a súa natureza. Deste xeito, a partir del pódense facer múltiples lecturas que, segundo explica o seu autor, gardan un paralelismo co comportamento da sociedade.
Dita estrutura divídense en tres niveis que, á súa vez, se atopan ocultos por lamas de madeira que impiden ver a primeira vista o mecanismo de acceso á cadeira. Así, o primeiro chanzo atópase na base da torre e cumpre a función de acceso aos niveis superiores. Aínda sendo o nivel de acceso, só en certas condicións poderá cumprir dita función. No segundo nivel esconde o mecanismo e modo de acceso ao paso superior. Funciona como ligazón e zona de tránsito ao cumio da torre. Mentres, o terceiro e último chanzo no cumio é un punto a priori inaccesible, no cal só pode permanecer unha persoa e no que se atopa a cadeira pregada e que é o punto máis alto da peza.
Funcionamento cinético
O mecanismo que permite o acceso ao cumio da torre, baséase nunha escaleira de dous corpos. Este mecanismo forma parte das patas dianteiras da cadeira pregada e apóiase oculto sobre un dos extremos do segundo nivel. Cando a cadeira se atopa aberta, o mecanismo permanece oculto. Mais se se decide pechar a cadeira, a escaleira pregada –que forma parte das patas dianteiras– deslizarase por propia gravidade cara ao primeiro nivel. Só nese momento o primeiro e terceiro nivel atópanse conectados, permitindo que un novo individuo ocupe a cima.
Todo un artefacto cinético que convida á reflexión sobre o senso do seu uso e tamén á outras lecturas, que conectan co paralelismo do comportamento da sociedade e coas posibles interpretacións e lecturas das relacións de poder, ambición ou estatus social.
Inauguración no verán do 2019
A intervención de Alejandro Ginés inaugurarase, como é costume, o derradeiro día do vindeiro Encontros de Artistas Novos (EAN), que se celebrará no verán de 2019 e estará aberta tres meses, con entrada de balde.
Na actualidade, aínda está activa, e ata o 25 de novembro, a intervención gañadora do ano pasado, Arquivo Aberto da Memoria Arquitectónica (AAMA), de Francisco Ramallo, que converteu as Torres Hejduk nun arquivo sonoro con testemuños afectivos de persoas que estiveron en contacto coa esas edificacións emblemáticas e das que xa só quedan os seus recordos.