Desestimados os recursos contra a ampliación dos pantaláns do Náutico de Sanxenxo
O alto tribunal galego tamén desestima na sentenza, que foi notificada hoxe, os recursos presentados polo Concello e os veciños contra a aprobación do proxecto de construción da infraestrutura
A Sección Segunda da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG inadmitiu os recursos interpostos polo Concello de Sanxenxo e veciños da zona contra a resolución de Portos de Galicia de maio de 2012 que autorizou ao Real Club Náutico a ocupar terreos de dominio público portuarios para a construción e explotación dunhas instalacións náutico-recreativas. O proxecto incluia a creación de dous novos pantaláns para embarcacións, a habilitación de prazas de amarre e a ampliación do pantalán pesqueiro.
O alto tribunal galego tamén desestima na sentenza, que foi notificada hoxe, os recursos presentados polo Concello e os veciños contra a aprobación do proxecto de construción da infraestrutura, así como contra a modificación da concesión outorgada ao Náutico en maio de 2012.
O TSXG argumenta que o proxecto “está situado nunha zona portuaria na que xa había un uso náutico deportivo mediante a existencia de fondeos”. Por tanto, sinala que a concesión para ampliar as instalacións “non se opón ao plan de usos do porto”. A Sala subliña que “da proba practicada nas actuacións” resulta acreditado que toda a obra “se leva a cabo na lámina de auga” e que non se trata “dun novo porto deportivo, senón dun atraque dentro do porto xa existente”.
En canto á existencia de vulneración do trámite ambiental, tal e como alegan as partes, o TSXG considera que non se produciu porque é “unha instalación desmontable, un pantalán flotante suxeito a pilotes fincados na area ao abrigo dunha instalación preexistente que é o espigón do porto”. O alto tribunal, ademais, rexeita que o presidente de Portos de Galicia incorrese en “desviación de poder”, pois sostén que a “intención” perseguida coa concesión é “ordenar os espazos portuarios”, algo que é “de interese xeral”.
Os maxistrados indican que “non se consideran substanciais” as modificacións da concesión, á vez que sinalan que con elas se pretendeu “mellorar a maniobrabilidade e o distanciamento considerable da praia da Panadeira”. O TSXG especifica que “non se consideran modificacións substanciais ao non incrementarse a superficie concesional ou a superficie ou volume construído en máis dun 10%”.