Baile, maquillaxe e un concurso de disfraces para celebrar o Samaín en Ribeira
A programación será inaugurada o xoves 1 ás 19:00 horas cun espectáculo ofrecido polo grupo de baile de Alfaia
O Espazo de Usos Múltiples do Concello situado fronte o edificio do mercado municipal será o escenario escollido pola Asociación Alfaia para a celebración do Samaín cun programa de actividades que se celebrará os días 1, 2 e 3 de novembro.
A presidenta deste colectivo, Pilar García, xunto á tamén representante María José Carreira e á concelleira de Cultura Herminia Pouso explicaron as actividades que terán lugar coa chegada desta tradicional cita.
Así, a programación será inaugurada o xoves 1 ás 19:00 horas cun espectáculo ofrecido polo grupo de baile de Alfaia. O venres 2 de 16 a 20:00 horas haberá obradoiros de maquillaxe con motivos propios desta época de Halloween, en tanto que o sábado 3 de 17:00 a 20:00 horas se vivirá o prato forte en forma dun baile de disfraces, con premios á orixinalidade, composición, creatividade, etc...
Tanto as integrantes de Alfaia como a edil municipal animaron a grandes e pequenos a acudir a estas actividades gratuítas.