"Toponimízate" chega hoxe a Brión con Victor Freixanes
Vicente Feijoo explicaralle ao público o significado dos nomes de cada concello e das súas parroquias e aldeas
A campaña de divulgación da toponimia Toponimízate. Coñece os nomes da túa terra chega hoxe luns, 29 de outubro, ao coruñés de Brión. O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, presentará a charla que impartirá o especialista en toponimia Vicente Feijoo, membro do Seminario de Onomástica da institución. O relatorio de Brión desenvolverase a partir das 20:00 horas na Aula Cemit deste municipio coruñés.
Vicente Feijoo explicaralle ao público o significado dos nomes de cada concello e das súas parroquias e aldeas. Os asistentes poderán familiarizarse ademais coa aplicación colaborativa na que se está a traballar para a preservación e difusión da microtoponimia a través da xeolocalización, e tamén aprenderán a consultar a microtoponimia xa xeorreferenciada no "Buscador de topónimos". As utilidades desta ferramenta abranguen desde as actuacións sobre o territorio dos técnicos municipais (PXOM, catastro...) ata a promoción turística de elementos de interese cultural e rutas de sendeirismo.
A RAG coordina a segunda edición de Toponimízate coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A acción enmárcase nos proxectos Toponimia de Galicia e GeoArpad que coordina a Xunta de Galicia. Ata o momento xa pasou por Castro de Rei (Lugo) e Arzúa (A Coruña) e, tras as sesións de Celanova, Brión e A Lama proseguirá en Cariño, Miño e Muros na provincia da Coruña; Cospeito, Foz e O Páramo na de Lugo; Parada de Sil e Xinzo de Limia en Ourense; e Moaña e Ribadumia en Pontevedra.