A valedora do pobo visitará Boqueixón este martes 30 de outubro
O encontro comezará ás 12:00 horas na Casa do Concello onde se celebrará unha recepción institucional
A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, celebrará en Boqueixón unha nova xornada para achegar a institución á cidadanía.
O encontro comezará ás 12:00 horas na Casa do Concello onde se celebrará unha recepción institucional. Xa pola tarde, a valedora desprazarase ao CPI Antonio Orza Couto, onde manterá un encontro con escolares dos últimos anos de Primaria e atenderá as consultas e queixas que a cidadanía interesada lle queira achegar.
A institución do Valedor do Pobo celebra unha xornada completa de traballo no Concello de Boqueixón este martes 30 de outubro. A partires das 12.00 horas, a valedora do pobo participará nunha recepción institucional na Casa do Concello. Na mesma, Milagros Otero Parga, entrevistarase co alcalde e membros da corporación municipal co fin de establecer canles fluídas de comunicación e tratar algúns dos asuntos contidos nas queixas que afectan a este concello.
Xa pola tarde, a valedora desprazarase ao CPI Antonio Orza Couto, no lugar do Forte, no mesmo concello. A dirección do centro facilitou o seu salón de actos para celebrar a sesión de encontro da valedora coa cidadanía de Boqueixón. Na mesma tomarán parte ademais alumnos de 5º e 6º de Educación Primaria que adoitan participar nos plenos infantís que organiza o Concello de Boqueixón.
A invitación da valedora do pobo fíxose chegar tamén aos representantes do tecido asociativo.
Un dos obxectivos deste tipo de visitas consiste en tender pontes entre o Valedor do Pobo e as autoridades locais para manter unha comunicación fluída á hora de dar resposta áxil e eficaz ás queixas que lles afectan.
O segundo propósito consiste achegar os servizos que ofrece a institución do Valedor do Pobo á cidadanía co fin de atender, protexer e defender os seus dereitos fronte ás actuacións das administracións públicas.