Os Luns do Ateneo celebra o 80 aniversario de "A Guerra dos Mundos", de Orson Welles
Como é habitual, a partir das 20:00 horas na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, o público poderá acceder libre e gratuitamente ata completar o aforo dispoñible
Ás 20:00 horas do 30 de outubro de 1938 Orson Welles comezaba a emisión dunha adaptación radiofónica da novela “A Guerra dos Mundos” de H. G. Wells. A pesar de que na introdución se especificou que se trataba dunha dramatización ficticia, o relato en forma de noticiario e a sintonización tardía de moitos dos oíntes orixinaron o pánico dos estadounidenses, quen, convencidos de que estaban sendo realmente invadidos por extraterrestres, provocaron o caos en lugares como Nova Iork e Nova Jersey, epicentro dos ataques.
O catedrático da Universidade Autónoma de Barcelona Armand Balsebre coñece ben estes feitos xa que foi o guionista-adaptador e produtor da recreación dos mesmos que realizou a Ser en 1988 para conmemorar o seu 50 aniversario.
E para contar con detalle este suceso histórico, que demostrou o poder dos medios de comunicación de masas e pode ser considerado como o precursor das fake news, tan estendidas na actualidade, Balsebre está convidado este luns 29 de outubro a Os Luns do Ateneo a impartir a conferencia “80 anos da emisión radiofónica A Guerra dos Mundos de Orson Welles”.
Como é habitual, a partir das 20:00 horas na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, o público poderá acceder libre e gratuitamente ata completar o aforo dispoñible a este acto conmemorativo, que rematará co tradicional debate.
Ademais de Catedrático da UAB, Armand Balsebre dirixe o Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade II da UAB e o grupo de investigación Publiradio, especializado no estudo da publicidade e a comunicación radiofónica.
As súas liñas de investigación céntranse na linguaxe radiofónica, o xornalismo radiofónico e televisivo, a credibilidade dos medios audiovisuais, o radiodrama, a historia da radio, a publicidade radiofónica, a historia da publicidade e os formatos de programación en radio e televisión. Foi xornalista, guionista e produtor en Radio Barcelona-Cadena SER e director-realizador e guionista-adaptador de “Taxi Key vuelve”.
Xunto a José Mª Ricarte foi director do I Congreso Publiradio sobre “El poder creativo de la palabra”, celebrado na Facultade de Ciencias da Comunicación da UAB os días 13 e 14 de abril de 2010. Ao longo da súa traxectoria universitaria, ocupou diferentes cargos de xestión na Facultade de Ciencias da Comunicación da UAB.