O Centro Empresarial do Tambre acolle a exposición de pintura "4 Médicos pintores en Santiago"
O grupo “Catro médicos pintores” foi creado por Jesús Vazquez en 2013
A Asociación Área Empresarial do Tambre (AEPIT) acolle a partir de hoxe luns, día 29 de outubro, a exposición de pintura colectiva “4 Médicos pintores EN SANTIAGO” do grupo “Catro médicos pintores”, composto por Leo García, médico en Vigo; Tino Cuesta, médico en Oroso; Pablo Galego, ferrolán e médico en Santiago; e Jesús Vázquez, médico en Lugo. A mostra, que estará aberta ao público ata o 23 de novembro, inaugurarase ás 20:00 horas no galería de arte do Centro Empresarial do Tambre, e contará coa asistencia dos autores e do comisario da exposición e membro da xunta directiva da asociación empresarial, Manuel Nieto.
O grupo “Catro médicos pintores” foi creado por Jesús Vazquez en 2013. Os catro compoñentes actuais teñen unha longa experiencia no mundo da pintura galega. Ata a data, expuxeron colectivamente en catorce ocasiones.
No seu mundo creativo, os artistas optan pola interpretación da realidade como a súa aposta pictórica. Ven, miran, interpretan, elaboran e expresan en formas e cor a súa visión da realidade. Os catro artistas teñen estilos complementarios, próximos ao expresionismo, aínda que cada un aporta a súa interpretación persoal e inconfundible. Tino achégase ao cubismo, Leo é un retratista da cor, Jesús dá forza a súa pintura cos seus tons, e Pablo ten nos expresionistas alemáns e norteamericanos a súa referencia.
“Non hai relación directa entre a medicina e a expresión artística, pero algúns médicos, especialmente cando alcanzan unha certa idade, son a miúdo seducidos pola parte máis humanista da profesión e buscan coñecemento e actividade máis aló dos estrictamente científicos. Moitas veces, estas preocupacións dan orixe ao traballo literario e plástico” –explica Pablo Galego–.
Manuel Nieto sinala que este conxunto de obras representa catro estilos ben diferenciados, cada un coa súa visión e as súas inquietudes, artísticas, humanas, estéticas e, por suposto, cada un co seu estilo e a súa forma única e persoal de expresarse.