Falece un condutor nun accidente contra unha árbore en Portomarín
Como consecuencia do impacto, a vítima quedou atrapada no interior do coche, polo que desde o 112 pediuse a colaboración dos Bombeiros de Chantada
O condutor dun coche faleceu esta tarde despois de saírse da vía e bater contra unha árbore o vehículo que conducía.
Sucedeu as 14 horas de hoxe en Camporredondo, no termo municipal de Portomarín. Alí acudiron os servizos de emerxencias tras recibir o 112 Galicia as chamadas dos veciños que informaban dun coche envorcado fóra da vía.
Como consecuencia do impacto, a vítima quedou atrapada no interior do coche, polo que desde o 112 pediuse a colaboración dos Bombeiros de Chantada e dos efectivos do GES de Monterroso.
Con todo, nada puideron facer por salvar a vida do único ocupante do turismo cuxo falecemento foi comunicado aos poucos minutos polo equipo médico desprazado no lugar do accidente.