miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

O MUPEGA acolleu as XI Jornadas de Actualizaçao Docente de Ple

O MUPEGA acolleu as XI Jornadas de Actualizaçao Docente de Ple
O MUPEGA acolleu as XI Jornadas de Actualizaçao Docente de Ple

Valentín García participou onte no MUPEGA na inauguración deste encontro formativo organizado polo Instituto Camões e a Universidade de Santiago de Compostela co apoio da Consellería de Cultura e Turismo

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou onte no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), na inauguración das XI Jornadas de Actualização Docente de PLE (português língua estrangeira) organizadas polo Instituto Camões en colaboración co Núcleo de Docentes de Português da Faculdade de Filologia da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O encontro formativo celébrase co apoio da Consellería de Cultura e Turismo, a través Secretaría Xeral de Política Lingüística, e da Associação de Docentes de Português na Galiza.

O secretario xeral recordou que “ano a ano medra o alumnado de portugués en Galicia, que chega a esta lingua atraído polo seu prestixio cultural e o dunha literatura brillante e variada como variadas son as sociedades dos diferentes continentes onde se crea”, pero tamén “por unha proximidade xeográfica, cultural e, sobre todo, lingüística con Portugal que fai que, nun tempo récord, quen domine o galego adquira e poida certificar un bo coñecemento do portugués”.

Na inauguración da xornada, Valentín García estivo acompañado por Manuel Correia da Silva, vicecónsul de Portugal en Galicia; Ernesto González Seoane, vicerreitor de profesorado da USC; Filipa Soares, coordinadora do ensino portugués en España e Andorra, e Xurxo Carballido, presidente da Associação de professores de português na Galiza.

Literatura e dimensión pluricultural da lingua

Ao longo do día de hoxe celébrase no MUPEGA a XI edición dunhas xornadas de actualización para profesorado de portugués lingua estranxeira que, desta volta, se centran no papel dos textos literarios como ferramenta para o ensino da dimensión pluricultural do portugués, unha dimensión que, ata o momento, non recibiu a debida atención nas aulas de PLE.

Co obxectivo de dotar os docentes de estratexias para a integración do texto literario como ferramenta para abordar esa pluriculturalidade, tras o acto de inauguración tivo lugar unha conferencia de Francisco Topa sobre os autores africanos en lingua portuguesa á que lle seguirá outra de Carlos Mendes de Sousa centrada na explotación didáctica dos autores brasileiros Clarice Lispector e Guimarães Rosa. Xa pola tarde, celebrarase a mesa redonda Re(a)presentar a lusofonia literária e cultural. Que propostas para a docência? onde, ademais destes dous profesores, intervirán Carmen Villarino Pardo e M. Felisa Rodríguez Prado.

Lei Paz-Andrade

O apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística a esta xornada formativa para profesorado de PLE inscríbese no marco das accións con que se desenvolve a Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, máis coñecida como Lei Paz-Andrade. Estas accións inclúen o Memorando de Entendemento entre a Xunta e o Instituto Camões para a adopción do portugués como lingua estranxeira de opción e avaliación curricular no sistema educativo non universitario da comunidade e a conseguinte implantación e consolidación desta materia en ESO e bacharelato.

A Lei Paz-Andrade foi aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia a raíz dunha proposición de iniciativa lexislativa popular avalada por 17.000 sinaturas. O seu obxectivo é aproveitar a vantaxe lingüística do galego na Comunidade dos Paises de Língua Portuguesa.

Comentarios
Lo más