miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Agustín Hernández remarca o "incumprimento" do Goberno local nos Orzamentos Participativos

Agustín Hernández remarca o "incumprimento" do Goberno local nos Orzamentos Participativos
Agustín Hernández remarca o "incumprimento" do Goberno local nos Orzamentos Participativos

Das propostas para obras de anos anteriores, unicamente se remataron 3 actuacións das 19 elixidas

As propostas elixidas este ano dentro dos orzamentos participativos "poñen ao descuberto a pasividade e o desinterese do Goberno polas demandas da cidadanía, tanto polas expresadas a través dos lexítimos representantes no seo da Corporación, como polas achegas dos propios cidadáns a través desta canle de participación" afirman os populares de Santiago.

Entre a decena de propostas aprobadas para realizar investimentos, boa parte delas son "materias pendentes" do Goberno local que levan tempo á espera do seu inicio: os microbuses para as parroquias do rural terían encaixe na licitación do servizo de transporte, na definición de liñas e na mellora da frota de autobuses pendente desde febreiro de 2016, cando rematou o contrato; a rehabilitación de fontes públicas foi obxecto dunha iniciativa do PP aprobada por unanimidade en xaneiro de 2017. 

A dotación dun carril bici urbano xa fora incluída noutra iniciativa plenaria unánime en outubro de 2015. A recuperación da rúa de Caramoniña foi obxecto de varias iniciativas populares, a última do pasado mes de outubro e a dotación dun centro sociocultural en Galeras, aproveitando a Casa das Máquinas, faría necesario retomar o proxecto de rehabilitación, que apenas afirmou as paredes do edificio e actualmente está paralizada.

Tal e como indican o Grupo Municipal Popular, "parece evidente que a veciñanza opta por reiterar as cuestión urxentes que o Goberno non atende empregando esta plataforma para tratar de que se comprometan os orzamentos precisos para facer realidade as súas demandas".

Preto de un centenar de propostas

Na convocatoria dos orzamentos participativos deste ano presentáronse preto de un centenar de propostas para orientar os investimentos a determinadas actuacións con destino ao conxunto do municipio, á zona Leste, á zona Noroeste ou á zona rural, as catro opcións ofertadas nesta edición. O elevado número de propostas é indicativo da percepción das deficiencias e necesidades detectadas pola veciñanza. A este respecto, chama a atención as 40 propostas para a zona rural, das que unicamente unha delas foi elixida.

Na motivación dalgunhas propostas evidénciase a preocupación e a urxencia pola actuación, como a reflectida respecto da situación da rúa de Caramoniña na que se manifesta que “o mal estado da rúa provoca que o tránsito de veciñas e veciños sexa moi reducido, converténdose nun lugar idóneo para usos marxinais, como o consumo de drogas, e reducindo a atención por parte dos servizos de mantemento do Concello (a maleza cubre toda a rúa e apenas se roza unha vez ao ano). Unha vez acadada esta situación, resulta moi difícil recuperar a rúa sen realizar ningunha intervención, xa que a falla de mantemento e a presencia de drogodependentes redunda negativamente no tránsito de veciños condenando á rúa a ser unha zona marxinal e insegura.”

Escasa execución en anos anteriores

Con todo, a elección das propostas e a súa inclusión nas previsións orzamentarias destinadas a este procedemento "non asegura que a súa execución poida ser acometida de forma inmediata polo Goberno", pese a que non se trata de grandes proxectos, senón que a maioría deles son de "escasa contía e complexidade", aseguran.

Nas edicións anteriores das 19 propostas presentadas nos dous anos anteriores, unicamente 3 foron executadas na súa integridade, correspondentes ao ano 2016. Dese ano quedan aínda por executar a día de hoxe outras 7 propostas, e das 9 aprobadas en 2017 na actualidade non hai ningunha rematada e a inmensa maioría nin foron contratadas, nin sequera dispoñen do correspondente proxecto.

Comentarios
Lo más