miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

O CHUS da a benvida aos novos 60 voluntarios

O CHUS da a benvida aos novos 60 voluntarios
O CHUS da a benvida aos novos 60 voluntarios

Prestan apoio en diferentes programas nos servizos de Pediatría, Psiquiatría, Neuroloxía, Medicina Interna e Endocrinoloxía

A xerente de Xestión Integrada de Santiago, Eloína Núñez, deu a benvida ao grupo de 60 voluntarios que inician a súa actividade nesta tempada, acto no que estivo acompañada pola subdirectora de Calidade e Atención ao Doente, Beatriz Pais, a xefa do Servizo de Traballo Social, Ana Guillén, a directora da Aula Hospitalaria, Elena Sobrino e Patricia, voluntaria que participa por terceiro ano consecutivo no programa de voluntariado.

A xerente compostelá deu a benvida aos novos voluntarios que inician a súa actividade e aos que repiten e invitounos a que vivan a experiencia do voluntariado “con intensidade e rigor” ao tempo que subliñou a importancia que teñen para a organización e lles agradeceu afectuosamente a súa dedicación.

Destacou a maioría feminina dos voluntarios así como a súa xuventude. Proveñen de ámbitos moi diferentes, e mesmo de nacionalidades variadas, desde o eido das ciencias da saúde e da ensinanza maioritariamente, pero tamén, o dereito, a enxeñería a empresa ou a historia da Arte.

Eloina Núñez destacou a importancia da “responsabilidade, a constancia e a motivación” dos voluntarios así como “o recoñecemento o seu labor e o respecto por parte dos profesionais”. A xerente tamén tivo palabras de agradecemento aos profesionais que se teñen implicado especialmente neste programa, así como aos voluntarios vinculados das diferentes organizacións que colaboran habitualmente cos profesionais e os doentes do centro nas tarefas de voluntariado: a USC, a Asociación española contra el Cáncer e a Cruz Vermella.

Pola súa parte, Beatriz Pais destacou o impulso que aportan os voluntarios á humanización da asistencia.

No servizo de Neuroloxía, desenvólvense tarefas de acompañamento ao paciente ou familiar, así como apoio ao coidador para facilitar o descanso. Tamén se presta axuda na realización de trámites burocráticos, actividades de animación e entretemento e mellora de espazos comúns; na planta de Pediatría realízanse actividades de voluntariado na Aula Hospitalaria prestando apoio académico, acompañamento terapéutico e axuda na organización das diferentes actividades de ocio da aula; tamén na planta de Pediatría, na unidade Saúde Mental de Psiquiatría Infanto-xuvenil, os voluntarios apoian aos nenos e nenas ingresados nas súas tarefas escolares, desenvolven xogos de psicomotricidade, actividades de ocio e acompañamento en saídas. No servizo de Psiquiatría, o equipo de voluntariado desenvolve programas moi variados que van desde a aula de educación permanente de adultos, proxecto Amigos, a clases de idiomas e diversas actividades lúdicas e culturais.

Tanto na UPIA como na unidade de Trastornos da Conduta Alimentaria os voluntarios desenvolven actividades de acompañamento e entretemento a pacientes e familiares.

Ana Guillén informou a todos os voluntarios das cuestións de intendencia e lembroulles que teñen que ir identificados e presentarse. Pola súa banda, Patricia, unha voluntaria que repite por terceiro ano consecutivo, subliñou o enriquecedora que foi a experiencia do pasado ano como voluntario e animou a todos a que repitan como el, ao tempo que destacou como maior satisfacción que aprendeu a empatizar cos pacientes e profesionais.

Comentarios
Lo más