CIG-Ensino denuncia a externalización da certificación do coñecemento de inglés
O sindicato criticou que a Consellaría de Educación atribúa ao Trinity College a realización de dous exames de certificación de lingua inglesa en lugar de dispoñer das Escolas Oficiais de Idiomas.
A sección de Ensino da CIG denunciou que a Consellaría de Educación continúa a externalizar a acreditación na lingua inglesa ao anunciar dous exames de certificación B2 e C1 que levará a cabo o Trinity College.
Segundo o sindicato, esta externalización supón un gasto que se retrae do orzamento do ensino público galego, ademais de supoñer a utilización do persoal do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) para a xestión das certificacións.
Desde CIG-Ensino afirman que "a formación do profesorado non pode ser unha forma de financiar entes externos". Por iso, reclaman que sexan as Escolas Oficiais de Idiomas as entidades encargadas de certificar os coñecementos do profesorado galego en todas as linguas, xa que é unha das funcións expresamente recollidas no correspondente decreto regulatorio das EOIs.