Os Populares critican as obras de control de acceso ao Obradoiro sen o informe da Comisión Asesora de Patrimonio Histórico
As obras de San Francisco están a colleitar numerosas críticas por parte de técnicos na materia e veciños
O Grupo Municipal Popular acaba de denunciar que "desde hai máis de tres anos" o Goberno de Compostela Aberta leva "demostrando que a comunicación non é un dos seus fortes, pero coas obras de acceso ao Obradoiro parece querer chegar ao nivel máximo de falta de entendemento e coordinación" aseguran.
O concelleiro Xan Duro do Goberno de Martiño Noriega decidiu iniciar unhas actuacións a escasos 50 metros da catedral "sen contar cos informes perceptivos", tal e como precisa facer calquera veciño cando ten que levar a cabo obras nunha contorna sensible como é o Casco Histórico.
O Grupo Municipal Popular considera chamativo que o Goberno de Compostela Aberta non teña en consideración a utilización do espazo público que "tanto ten demandado noutras ocasións".
Así mesmo, estas actuacións está a colleitar numerosas críticas por parte de técnicos especializados como os membros da Asociación en Defensa do Patrimonio Cultural Galego e dos veciños, tanto polo seu impacto visual como polas súas dimensións ou o seu custe sobre todo, tendo en conta que nesta zona de Santiago existen uns servizos bastante deficientes.
Para os Populares, a falta de comunicación entre o Goberno de Martiño Noriega "esta a ser unha das características principais deste mandato, que non só parece que non falan entre eles, senón que, en moitos casos, esquecen informar a tempo aos veciños e usuarios de situacións que lle afectan no seu día a día".