miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

María Rozas da conta do resultado dos Orzamentos Participativos 2019

María Rozas da conta do resultado dos Orzamentos Participativos 2019
María Rozas da conta do resultado dos Orzamentos Participativos 2019

As propostas gañadoras nesta fase de votación, que suman entre todas 1.500.000 €, incorporaranse ao proxecto de orzamento municipal de 2019

A concelleira de Facenda, María Rozas, presentou onte o resultado do proceso Compostela Decide, que incrementou a participación nun 32,90% con respecto á súa edición anterior. Foron máis de 2.500 os votos emitidos este ano, e 1.177 novas persoas inscritas nas diferentes fases do proceso. 

As propostas gañadoras nesta fase de votación, que suman entre todas 1.500.000 €, incorporaranse ao proxecto de orzamento municipal de 2019.

Os 400.000 € destinados a investimentos que beneficiarán ao conxunto do municipio repartíronse entre dúas propostas relacionadas coa mobilidade e outra que ten que ver coa rehabilitación das fontes do noso concello.

A primeira e a terceira foron "Microbuses eléctricos circulares para as parroquias do rural" e "Carril bici" (axeitar un carril bici urbano e interurbano sen molestar os peóns nin os condutores e condutoras, sobre todo no que atinxe a baixada para os peregrinos por San Pedro e as entradas do Camiño ata a cidade). Esta última proposta, por ser a terceira máis votada, escalouse, pasando de 400.000 a 100.000 euros para cubrir o orzamento restante tras as dúas máis votadas.

Apóstolo e mocidade

No capítulo das festas do Apóstolo de 2019, as veciñas e veciños escolleron seis propostas que cobren preto dos 100.000 € destinados a actividades: "Bus nocturno accesible e con paradas a demanda", "Fogos do Apóstolo dende as parroquias", "Festas com Alvorada", "Jams de Barrio, música de proximidade", "Mira Compostela" e "Cinema clásico ao aire libre".

Para a mocidade compostelá reserváronse outros 100.000 € para actividades que se repartirán entre nove actividades que abranguen temáticas moi diversas: combater con arte o feísmo da cidade, cinema ao aire libre, lecer nocturno, aulas de autodefensa feminina, formación en consumo responsable e economía social, actividades con cans, hortas ecolóxicas para a mocidade, cursos de lingua de signos e espazos de socialización en galego para crianzas e adolescentes.

Propostas dos barrios e parroquias

Unha soa proposta copou todo o orzamento para a área do rural compostelán: a reforma do vieiro A Pajuela-Campo da festa de Marrozos.

A zona Leste decidiu priorizar a recuperación da rúa de Caramoniña, a dotación de mobiliario de xogo e árbores no patio do CEIP Apóstolo Santiago, a integración da Casa do Matadoiro no parque de Belvís a través do pintado e a apertura dunha porta e a humanización dos recunchos dos barrios desta área a través de bancos de madeira, xardineiras, bibliotecas de rúa, randeeiras... Para a zona Noroeste só entrou unha proposta: a rehabilitación da Casa das Máquinas de Fenosa para un centro sociocultural en Galeras.

Terceira edición

En total, emitíronse 2.502 votos entre as seis áreas. Os veciñas e veciños de Santiago de Compostela repartiron un total de 1.500.000 € para actividades e investimentos, e aumentaron o número de votos totais nun 32,90% con respecto a esta mesma fase da pasada edición. Os votos recolléronse na plataforma web decide.santiagodecompostela.gal, a través das asembleas de decisión de cada zona e en sesións de votación presencial organizadas polas asociacións veciñais.

Entre as tres edicións dos orzamentos participativos inscribíronse un total de 4.755 persoas con dereito a voto, das cales 1.177 se sumaron nesta edición de 2018. No que respecta ao reparto dos votos entre as diferentes áreas, os orzamentos municipais e as festas do Apóstolo, dirixidos a todo o censo de Santiago de Compostela, foron os que máis participación concentraron, con 549 e 586 votantes, respectivamente. A área de Rural foi a seguinte con maior participación, con 487 votos. Na zona Norte participaron 120 persoas e na zona sur 107.

As persoas participantes puideron escoller entre 136 propostas correspondentes ás seguintes áreas: investimentos municipais, zona Leste, zona Noroeste, Rural e actividades dirixidas á mocidade e ás Festas do Apóstolo 2019. Estas propostas foron priorizadas de entre todas as presentadas na primeira fase nunha fase posterior de recollida de apoios, para finalmente ser avaliadas polos servizos municipais e comprobar a súa viabilidade técnica e económica.

As propostas gañadoras incorporaranse ao proxecto de orzamento municipal de 2019, que deberá ser aprobado en Pleno. Máis adiante constituirase, outra volta, a comisión de seguimento que informará do estado dos proxectos e velará polo cumprimento do compromiso de execución que o goberno local adquiriu mediante estes orzamentos participativos. 

Comentarios
Lo más