miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Pilar Bermejo tomou posesión do seu segundo mandato como decana da Facultade de Química

Pilar Bermejo tomou posesión do seu segundo mandato como decana da Facultade de Química
Pilar Bermejo tomou posesión do seu segundo mandato como decana da Facultade de Química

Para os vindeiros catro anos, a decana subliñou a súa vontade de continuar o Proxecto de Renovación e Actualización do centro

Para os próximos catro anos “pretendemos ter unha facultade viva, prestixiosa, innovadora e emprendedora, con visión de futuro e que contribúa á formación integral do alumnado, nun contorno saudable, unha facultade comprometida coa sociedade e cunha forte proxección internacional”. 

Con estas palabras, Pilar Bermejo Barrera presentou o escenario que aspira alcanzar co seu segundo mandato no decanato do centro, cargo do que este xoves tomou posesión nun acto celebrado na propia Facultade e ao que accedeu por vez primeiro en 2014 converténdose na primeira muller que o alcanzaba. O reitor Antonio López presidiu a sesión, na que tamén interveu a secretaria xeral da USC, Dulce Mª García Mella.

Para os vindeiros catro anos, a decana subliñou a súa vontade de continuar o Proxecto de Renovación e Actualización do centro, para o que é preciso “ser un goberno participativo, cercano e transparente, que escoite a todos os membros do centro”. 

Nesta mesma liña aludiu á necesidade de “intensificar o noso compromiso coa mellora continua en relación coa implantación da calidade, sendo o seguinte paso conseguir a acreditación do centro”. Tamén apuntou a súa aspiración de conseguir un mellor aproveitamento de todos os recursos materiais e humanos así como mellorar todas as infraestruturas da Facultade.

No terreo da docencia, o seu labor aspirará a desenvolver a formación durante toda a vida profesional, o denominado “lifelong learning” e intensificar e mellorar a relación entre a docencia e a investigación en todos os ámbitos. Entre os seus plans figuran igualmente a mellora da comunicación interna e externa impulsando a relación coa sociedade e a promoción da internacionalización e o impulso da interdisciplinariedade como vía de potenciación da facultade e da Universidade.

O reitor Antonio López felicitou ao equipo decanal pola súa disposición e compromiso co bo funcionamento dunha facultade cun intenso labor docente e investigador. Na súa opinión, a universidade conta cun importante potencial para avanzar e superar os atrancos presentes. Neste senso, aspira a concibir unha universidade de maior calidade, mellores servizos e oportunidade, “e iso faise con esforzo e traballo como o que se está a levar a cabo neste centro”.

Pilar Bermejo

Catedrática de Química Analítica dende 1991, Pilar Bermejo desenvolve o seu labor docente na USC dende 1978. Foi vicedecana desta Facultade entre 1980 e 1990 e dirixiu o Departamento de Química Analítica entre 1998 e 2006. Ademais, coordinou o programa piloto ECTS na área de Química entre 1990 e 1996 e a rede ECTN (European Chemistry Thematic Network) participando no intercambio de máis dun centenar de estudantes entre diferentes universidades europeas e de Estados Unidos e Canadá, nestes últimos países a través do programa TASSEP.

Pertence a numerosas sociedades científicas, como a Real Sociedade Española de Química, a Sociedade Española de Química Analítica, a Sociedade de Espectroscopía Aplicada, a Sociedade Española de Bioquímica Clínica e Patoloxía Molecular. 

Ademais é fellow member da Royal Chemistry Society (UK) e membro da American Chemical Society (USA) e da Federation European of Trace Elements and Minerals. Recentemente ingresou na Real Academia Galega de Ciencias.

Dirixe o grupo de investigación de Elementos Traza, Espectroscopía e Especiación da USC. As principais liñas de investigación deste grupo son o desenvolvemento de metodoloxía analítica para o estudo dos elementos traza en medios biolóxicos e ambientais, estudos de Especiación, Metalómica e Metaloproteómica, así como estudos de Biodispoñibilidade. Nestas liñas publicou mais de 300 traballos de investigación, dirixiu 30 teses de doutoramento e máis de 25 proxectos de investigación, así como diferentes contratos con empresas.

Comentarios
Lo más