A ANPA do CEIP Castelao de Ordes convoca hoxe unha concentración diante do Concello
A concentración terá lugar na Alameda de Ordes ás 19:30 horas
Hoxe venres 26 de outubro, a ANPA do Colexio Castelao do Concello de Ordes convoca unha concentración con alumnado e familias do centro educativo ás 19:30 horas na Alameda diante do Concello. O motivo son os recortes de persoal, neste caso, a supresión dun mestre/a titor/a na etapa de Educación Infantil.
As nais e pais do Castelao reivindican que a atención individualizada que promulga a Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) vese comprometida polo elevado número de alumnos por mestre/a que pode aumentar nos próximos cursos. Esta falta de atención, por mor do rateo de alumnos, dificultará a detección das Necesidades Específicas de Apoio Educativo.
Ademáis, afirman que o currículo que se debe impartir vese afectado por non acadar os obxectivos propostos nas programacións didácticas. E queren deixar claro que "se traballa con nenos/as moi pequenos, non con números".