Os populares denuncian "o novo incumprimento" do Goberno de Martiño Noriega
Cabe destacar que estes traballos completarían as tarefas acometidas o pasado ano, que tiñan como obxectivo principal a mellora ambiental desta área de Santiago
Os veciños da rúa dos Roláns, en Volta do Castro, volven a sufrir "un novo incumprimento do Goberno de Martiño Noriega" aseguran os populares, que en boca do concelleiro Jorge Duarte, comprometeuse no pasado Pleno a que este mesmo luns comezaran as obras de derrube dunha vivenda que se atopa en ruínas nesta zona do emblemático barrio de Conxo.
A día de hoxe, nin comezaron os traballos. O concelleiro anunciaba, ante o requirimento do Grupo Municipal Popular, que, unha vez rematados uns estudios previos para a retirada do amianto, as actuacións comprometidas serían unha realidade de forma inmediata.
Os populares, avisados polos propios veciños, puideron comprobar onte mesmo que nada se ten feito na rúa dos Roláns. Cabe destacar que estes traballos completarían as tarefas acometidas o pasado ano, que tiñan como obxectivo principal a mellora ambiental desta área de Santiago.
O Grupo que dirixe Agustín Hernández xa elevou os rogos dos veciños varias veces ante o Goberno de Compostela Aberta.
Para os Populares é "lamentable a falta de consideración e respecto do Goberno de Compostela Aberta cos veciños de Santiago, dos que moito fala, pero aos que nunca ten en conta".
Antecedentes
O Grupo Municipal Popular lembra que hai máis dun ano desde que o Goberno local se acordara o desaloxo das persoas que habitaban os inmobles e a demolición das tres casas contiguas habitualmente ocupadas, onde se concentraban as queixas veciñais, concretamente as situadas nos números 4, 6 e 8 desta rúa.
En xuño de 2017, iniciáronse as tarefas de demolición de forma subsidiaria por non ter atendido a propiedade as ordes de derrubo acordadas con anterioridade. Dita actuación, sen embargo, limitouse unicamente a dúas vivendas, quedando sen executar ata o día de hoxe o derrubo da que fai esquina coa rúa das Arribadas e a Travesía de Conxo de Arriba.
No terreo que ocupa esa vivenda mantense acumulada unha gran cantidade de lixo, con restos de electrodomésticos e con abundante maleza que mesmo alcanza a beirarrúa das Arribadas, tal e como vén denunciando desde hai tempo a veciñanza e como se pode apreciar nas imaxes que se acompañan.