miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

A comarca de Ordes e a Deputación avanzan no Plan de Acción de Servizos Sociais

A comarca de Ordes e a Deputación avanzan no Plan de Acción de Servizos Sociais
A comarca de Ordes e a Deputación avanzan no Plan de Acción de Servizos Sociais

A deputada Ánxela Franco destaca o incremento do investimento no Servizo de Atención ao Fogar

A deputada de Igualdade e Benestar Social, Ánxela Franco, participou na xuntanza de traballo con persoal técnico dos concellos da comarca de Ordes de cara á elaboración do Plan de Acción de Servizos Sociais da Deputación da Coruña. O Servizo de Axuda no Fogar foi un dos temas centrais da xornada.

No Concello de Oroso desenvolveuse a xuntanza con persoal técnico da comarca de Ordes para avaliar a situación dos Servizos Sociais e avanzar de cara á elaboración do Plan de Acción de Servizos Sociais no que está a traballar a área da Deputación da Coruña dirixida pola deputada Ánxela Franco.

Na xuntanza participaron persoal técnico dos concellos de Oroso, Ordes, Frades, Mesía, Trazo e Cerceda e, ademaisasistiu tamén o equipo técnico da Asociación Andaina Pro Saúde.

Entre outros temas, na reunión, o persoal técnico fixo fincapé na importancia do Servizo de Atención ao Fogar (SAF) básico á hora de detectar necesidades nos domicilios. Destacaron tamén o importantísimo papel que teñen os equipos de auxiliares do SAF á hora de seren axentes do cambio cos usuarios e familias coas que prestan servizo e melloraren as súas condicións de vida.

Neste sentido, o persoal técnico tamén transmitiu a importancia dos problemas de habitabilidade rexistrados nalgunhas vivendas rurais da comarca e do fenómeno das infravivendas.

Ademais, como está a ser habitual nestas xuntanzas, outro dos grandes temas comentados foi como a limitación do servizo de transporte público incide no illamento e na soidade, sobre todo, das persoas maiores, favorecendo o despoboamento das zonas máis rurais da comarca.

Na xuntanza, a deputada de Servizos Sociais, Ánxela Franco explicou tamén o compromiso da Deputación co bo desenvolvemento do Servizo de Atención ao Fogar que experimentou un importante incremento desde o ano pasado ao presente. Neste sentido, a achega ao concello de Oroso pasou de 39.078,97€ a 52.490,32€ cun aumento de 13.411,35 €, o de Frades experimentou un incremento de 16.443,37 € ao pasar de 17.643,83 a 34.087,20 €; o de Mesía pasou de recibir 51.502,50 a 99.414,04, é dicir, 47.911,54 € máis, o de Trazo de 43.601,75 a 66.517,00 €, é dicir, 22,915,75 e o de Cerceda supera do dobre da asignación anterior pasando de 45.488,21 a 103,786,00 €, é dicir, 58.297,79 € máis.

A deputada Ánxela Franco, insistiu na necesidade de mellorar o estado das áreas de servizos sociais ao se tratar das que "máis próximas están ás persoas que máis o necesitan, ás veces con situacións de verdadeira emerxencia".

"Estamos a comprobar que os servizos son insuficientes e é preciso apoialos desde as institucións porque reverte na mellora da vida das persoas que máis o precisan", defendeu Ánxela Franco que destacou o compromiso da Deputación da Coruña co benestar social e convidou a outras institucións a incrementar a súa dedicación a este ámbito no que, segundo dixo, "non se pode falar de recortes senón todo o contrario, é preciso incrementalos para procurar a mellora da vida das persoas".

Comentarios
Lo más