A Audiencia de Ourense absolve a un acusado de abusar da filla da súa parella
Os maxistrados poñen en dúbida na sentenza a credibilidade da menor, quen non puido concretar no xuízo “a forma na que chegaron a producirse os abusos”
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Ourense absolveu a un acusado dun delito continuado de abusos sexuais sobre a filla da súa parella cando tiña 9 anos.
Os maxistrados poñen en dúbida na sentenza a credibilidade da menor, quen non puido concretar no xuízo “a forma na que chegaron a producirse os abusos”. Ademais, sinalan que denunciou o feitos cinco anos despois, “cando pretendía irse a convivir co seu pai”.
“O testemuño da menor está falto de toda corroboración periférica, ao non poder considerar que a súa curmá, dous anos maior que ela, lle brinde a mesma, debido a que do seu testemuño se infere unha clara animadversión fronte ao acusado”, argumentan os xuíces.
A denunciante, según o tribunal, chegou a manifestarlle á súa curmá que se expoñía “un tema”, obtería “máis facilmente o cambio de custodia”.
A sentenza tamén fai referencia ao testemuño da nai da nena, quen manifestou “dúbidas sobre a veracidade dos feitos, e iso a pesar de que puxo fin á súa relación co acusado tan pronto se interpuxo a denuncia”.
O tribunal subliña no fallo, contra o que cabe presentar recurso ante o TSXG, que carece de “suficiente proba de signo incriminatorio ao redor da realidade dos tocamentos con significación sexual”.