miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Comeza o XIII Festival de Maxia de Ames

Comeza o XIII Festival de Maxia de Ames
Comeza o XIII Festival de Maxia de Ames

Estas actividades enmárcanse dentro do XIII Festival de Maxia, que se desenvolverá ata o próximo 28 de outubro

Coa chegada do outono, chega tamén a Ames o seu xa tradicional Festival de Maxia. Este ano, a programación comeza coa realización de distintos espectáculos de pequeno formato polos centros de ensino do concello, que se levan a cabo entre os días 22 e 26 de outubro. Deste xeito, todas as nenas e nenos que cursan dende infantil ata 2º da ESO poden gozar das actuacións cargadas de maxia e sorpresas de Roberto Lolo e Pedro Bugarín.

Así, as demostracións máxicas comezaron este luns no CEIP Maía en horario de 09:30 a 13:50 horas, onde se realizaron catro sesións ás que acudiron un total de 615 alumnos de infantil e primaria do centro. Por outra banda, hoxe, 23 de outubro, Roberto Lolo está no IES de Bertamiráns, onde 272 rapaces de 1º e 2º da ESO desfrutarán das súas actuacións, mentres que Pedro Bugarín actúa no CEP Ventin ante 604 alumnos de 1º a 6º de primaria.

En canto ao mércores, as 344 nenas e nenos da escola de educación infantil O Milladoiro e das escolas unitarias da Tarroeira e de Covas acudirán ao auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro para gozar destas pequenas actuacións. O xoves, pola súa parte, Roberto Lolo estará no Colexio Alca para actuar fronte a 228 alumnos, que cursan de infantil a 6º de primaria; mentres que Pedro Bugarín actuará fronte aos 275 alumnos do CEIP Barouta. Este mesmo mago será o encargado de actuar o venres no CEIP Agro do Muíño, ante os 493 nenos e nenas do centro, mentres que Roberto Lolo levará o seu espectáculo ao IES do Milladoiro.

Comentarios
Lo más