O SERGAS aprobará a final de ano unha nova oferta pública de emprego
O Sergas incorporou tamén unha política de flexibilización da idade de xubilación, permitindo aos profesionais continuar no servizo activo máis aló do cumprimento dos 65 anos
No último trimestre do ano o Servizo Galego de Saúde aprobará unha nova oferta pública de emprego na que esgotará a taxa de reposición. Así o anunciou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña no Parlamento de Galicia, onde detallou as melloras realizadas polo seu departamento en materia de recursos humanos.
Dende a Consellería de Sanidade estase a traballar para dar resposta aos actuais desafíos da atención primaria como son a cronicidade, o envellecemento poboacional e a dispersión xeográfica. Entre as iniciativas levadas a cabo tanto nesta lexislatura como na anterior, o conselleiro destacou as distintas ofertas públicas de emprego esgotando a taxa máxima de reposición.
Almuiña subliñou, na súa intervención, que o seu departamento priorizou nas últimas ofertas de emprego as categorías propias de atención primaria, como médico de familia, pediatra e enfermeiro especialista en enfermería familiar e comunitaria. Ao respecto, lembrou que o vindeiro 25 de novembro celebraranse as probas para cubrir 214 prazas de médico de familia. En total, no período 2012-2017 ofertáronse 1.358 prazas de médico de familia e persoal de enfermería.
O incremento das prazas MIR é outra das iniciativas sinaladas polo conselleiro, posto que este ano Sanidade realizou a maior oferta dos últimos anos con 404 prazas, aumentando a 105 as prazas para medicina familiar e comunitaria, 7 máis que en 2017.
O Sergas incorporou tamén unha política de flexibilización da idade de xubilación, permitindo aos profesionais continuar no servizo activo máis aló do cumprimento dos 65 anos en todas as categorías.