Piden á Xunta que defenda ás familias da Patiña en Cambre fronte o acoso inmobiliario ao que lles está a someter un fondo voitre
O vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, mativo unha xuntaza coas afectadas e afectados e informou de que o seu grupo pedirá a comparecencia do Director Xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo
O vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, mantivo unha xuntanza cos veciños e veciñas da Patiña que ven perigar o seu dereito a seguir vivindo nas súas casas por mor das políticas de vivenda impulsadas polo Partido Popular. Trátase dunhas vivendas que como lembrou Sánchez foron construídas con axudas públicas xa que se trata de vivenda protexida e con prezos regulados propiedade nun principio de Fadesa e que pasaron a mans do Banco Santander posteriormente.
Na actualidade semella que foron adquiridas por un fondo voitre que comunicou aos propietarios a súa intención de non renovar os alugueres. De feito algunhas familias tiveron xa que abandonar as vivendas ante este feito. Así, mesmo estanse a desatender as obrigas de mantemento das vivendas e do edificio co obxectivo de forzar ás 50 familias afectadas para que marchen.
Na xuntanza de onte, as veciñas e veciños explicaron ao vicevoceiro de En Marea que trasladaron á Xunta de Galicia a súa situación pedindo ser atendidos para explicar o problema pero a día de hoxe o Goberno galego aínda non respondeu aos afectados.
O grupo parlamentario rexistrou esta mesma mañá no Parlamento de Galicia diversas iniciativas nas que se pide a comparecencia do Director Xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo para que informe da situación e das medidas que van a impulsar desde o Goberno galego para defender o dereito a unha vivenda digna destas persoas. Así mesmo, En Marea esixe á Xunta que se sitúe do lado dos afectados e afectadas para axudar e informar a estas familias.
“Estas son as consecuencias de moitos anos de políticas de vivenda enfocadas a protexer o negocio das grandes inmobiliarias, bancos e fondos voitre en detrimento das persoas e o seu dereito a unha vivenda digna” denunciou Antón Sánchez