Xoán Bascuas (CxG) presenta un novo proxecto político para Compostela
Foi elixido este sábado para encabezar a listaxe de Compromiso en Santiago
Xoán Bascuas foi elixido o pasado sábado como candidato á Alcaldía de Santiago de Compostela. Se no seu momento contou co aval do 59,46% da afiliación para poder presentarse, o proceso de elección culminou co apoio do 94,44%.
Na súa comparecencia ante os medios de comunicación expresou a súa gratitude aos homes e mulleres de Compromiso pola confianza expresada, así como os eixos da súa vindeira actividade de cara ás próximas elección municipais. "O sentido común na acción de goberno non é só unha responsabilidade, senón a máis primaria das obrigas non só política, senón tamén moral", asegurou.
Nas vindeiras semanas a Agrupación galeguista continuará a manter conversas coas diferentes entidades e asociacións da cidade para coñecer de primeira man as súas necesidades e as demandas, como primeiro paso de cara á elaboración do programa electoral. De igual modo, falarán con diferentes persoas para configurar unha candidatura sólida, solvente e competente, na que estarán presentes homes e mulleres vinculadas ao partido, pero tamén independentes. A nosa candidatura conxugará experiencia e renovación.
O obxectivo formulado por Bascuas non é simplemente acceder ao Pazo de Raxoi, senón levar a el a voz da cidadanía, e contribuír, a través do diálogo e do acordo, cara á acción política municipal en positivo. De igual modo, Bascuas sinalou: está ben que a cidade teña unha política con poesía e rock and roll, pero tampouco estará de máis engadirlle unha dose de pragmatismo, axilidade e coñecemento, así como de orgullo santiagués. Nos vindeiros meses veremos como se resucita a máxima do proxecto de cidade, e nos apostaremos por un proxecto para a cidadanía, no que o seu eixo principal será o pulo económico, as políticas sociais e a calidade de vida.
Por outra banda, o candidato de Compromiso por Galicia para a Alcaldía de Santiago aproveitou para valorar como minguadas as achegas orzamentarias previstas para a capital de Galicia, xa que se lle computan á cidade investimentos que non son só para a veciñanza compostelá, ou que nin sequera van ser executados na propia cidade.