Comeza o proceso para paliar os efectos da folga de Xustiza
O TSXG poderá saber, por ordes xurisdicionais, que xuíces están interesados en participar, de forma temporal, nun plan de autoreforzo nos seus propios xulgados
A Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, reunida o venres pasado en comisión, acordou solicitar aos decanos das sete cidades galegas que convoquen xuntas de xuíces nos seus respectivos partidos xudiciais para poder elaborar unha listaxe cos membros da carreira xudicial que estarían dispostos a participar no plan para paliar os efectos da folga de funcionarios que de febreiro a maio alterou o normal funcionamento da Administración de Xustiza en Galicia.
Desta forma, o TSXG poderá saber, por ordes xurisdicionais, que xuíces están interesados en participar, de forma temporal, nun plan de autoreforzo nos seus propios xulgados ou noutros órganos a través de comisións de servizo sen relevación de funcións.
Esta decisión do alto tribunal galego chega despois do acordo da Comisión Permanente do Consello Xeral do Poder Xudicial que o 11 de outubro aprobou que o TSXG iniciase a tramitación das medidas de apoio xudicial que considerase necesarias para superar a situación de pendencia xerada pola folga