O ximnasio da Telleira amplía as súas instalacións con novas salas de fitness
Os representantes municipais estiveron acompañados do Director Xeral de BeOne-Serviocio, Roberto Ramos, do director do Centro de Ames, Carlos Amado, e doutros representantes de dita entidade
O novo complexo deportivo conta dende este luns, 15 de outubro, cunha sala fitness totalmente renovada de 200 metros cadrados e con nova maquinaria fitness de última xeración. Deste xeito, pasa a ter 4 salas de actividades dirixidas: unha polivalente, unha para ciclo indoor, unha para adestramentos funcionais e outra para actividades brandas.
Ademais, conta cunha nova zona de xogos infantís que permitirá aos pais e nais gozar do seu deporte preferido mentres os seus fillos o pasan en grande. A todo isto hai que sumarlle a piscina e a sauna que xa existían antes da reforma.
Tras tres meses de obras de ampliación e reformas dos espazos existentes, o venres o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, a concelleira de Participación e Atención Veciñal, Isabel González, o concelleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Javier García, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, e mailo voceiro do grupo municipal Ames Novo, Quique Costas, achegáronse ata este lugar para ver as novas instalacións executadas.
Os representantes municipais estiveron acompañados do Director Xeral de BeOne-Serviocio, Roberto Ramos, do director do Centro de Ames, Carlos Amado, e doutros representantes de dita entidade.
Xornadas de portas abertas
Para dar a coñecer as devanditas instalacións o Centro Deportivo Municipal BeOne A Telleira celebra ata o vindeiro 24 de outubro unha semana de portas abertas dirixidas a todos os veciños e veciñas de Ames, co obxectivo de que poidan probar o novo equipamento e as novas instalacións. Ao longo de sete días o devandito centro deportivo está acollendo unha programación especial de actividades.
Durante as xornadas de portas abertas, o Centro, sumadas ás actividades diarias, está impartindo master class especiais de ioga, Body Combat ou Zumba para mostrarlles aos máis escépticos o divertido ou relaxante que pode chegar a ser a actividade física. Tamén conta con actividades especiais para nenos/as e moitas máis sorpresas. Pódese consultar a axenda completa de actividades na páxina de Facebook da instalación.
Custo das obras de ampliación
A ampliación realizada encádrase dentro da prórroga contractual de servizos por parte da empresa co Concello de Ames e que foi aprobada a comezos do presente ano. O importe da obra ascendeu aos 321.103,75 euros.