miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Juan Alcalde Tubío e María Teresa Piñeiro Oca reciben os Berberechos de Honra das III Xornadas de Exaltación do Berberecho de Noia

Juan Alcalde Tubío e María Teresa Piñeiro Oca reciben os Berberechos de Honra das III Xornadas de Exaltación do Berberecho de Noia
Juan Alcalde Tubío e María Teresa Piñeiro Oca reciben os Berberechos de Honra das III Xornadas de Exaltación do Berberecho de Noia

A conselleira do Mar, o alcalde de Noia e o presidente da Confraría de Pescadores San Bartolomé presidiron a homenaxe a toda unha vida dedicada ao marisqueo na ría de Muros-Noia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana; o alcalde de Noia, Santiago Freire, e o presidente da Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia, Santiago Cruz, presidiron o sábado o acto de entrega dos Berberechos de Honra a Juan Alcalde Tubío e María Teresa Piñeiro Oca polo seu labor e traballo ao longo da súa vida no marisqueo na ría de Muros-Noia. Un acto no que estiveron acompañados polos concelleiros de Cultura, José Pérez; Comercio, Mariola López; e Obras, Martín Fernández.

As distincións foron entregadas no marco das III Xornadas de Exaltación do Berberecho de Noia, que o sábado celebrou unhas xornadas técnicas na Casa da Cultura noiesa ás que asistiron máis de medio cento de persoas. Santiago Freire felicitou a ambos mariscadores e agradeceu o traballo da Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia “no desenvolvemento desta promoción dun produto tan importante para Noia e a nosa comarca como é o berberecho”. O alcalde aproveitou tamén para desexarlle ao Patrón Maior “todos os éxitos posibles na súa nova etapa á fronte da Confraría” xa que “nos gustaría que se acadaran este ano os obxectivos da temporada pasada”.

Homenaxeados

Santiago Cruz foi o encargado de entregarlle o Berberecho de Honra a Juan Alcalde Tubío “o rianxeiro”, nado en Rianxo o 16 de outubro de 1931 pero que viviu toda a súa vida en Noia, onde casou e traballou como mariscador de a flote e mesmo chegou a ser Tesoureiro da Confraría de Pescadores. “É un home moi traballador e adiantado ao seu tempo que ensinou moitas cousas. Por exemplo, cando se navegaba con néboa, el ensinou a usar o compás e o reloxo para calcular cando chegabas ao destino. Foi un exemplo para a miña xeración e para as outras”, asegurou o patrón maior noiés. Pola súa banda, Juan Alcalde agradeceu a distinción asegurando que “pasei por todas cantas puido haber ata que me xubilei”.

A conselleira do Mar foi a encargada de entregar a distinción a María Teresa Piñeiro Oca, a quen desexou que “ogallá lles podades transmitir as novas xeracións os valores que se conseguen traballando polo mar e para o mar. Eu espero que Juan e Teresa, durante moitos máis anos sigan ensinando a todos os valores do traballo e o recoñecemento do que temos”. Pola súa banda, Teresa Piñeiro, mariscadora de a pé, recoñeceu que “empecei a ir mariscar cando puiden co sacho”. Lembrou que “naqueles tempos era moi traballoso. Non tiñamos lanternas, nin traxes, nin nada. Despois empezamos a prosperar. Pero iamos coas capturas na cabeza dende Broña ata O Freixo. Pero sempre foi a máis”.

Berberecho de calidade

A conselleira Rosa Quintana tamén apuntou que “é o terceiro ano que participo neste acto e teño que agradecer dende a Consellería tanto á Confraría de San Bartolomé como ao Concello de Noia o esforzo que fan para poñer en valor o traballo de tantas persoas que xeran riqueza e valor na ría de Muros-Noia”. A conselleira amosouse convencida de que “podemos competir con todo o mundo en calidade, non en cantidade. Debemos seguir producindo produtos de calidade e poñelos en valor, para que destaquen por enriba de todos os demais. E iso é o que se co Berberecho de Noia e coa súa marca de calidade diferenciada”.

A titular de Mar tamén destacou a importancia das marcas de calidade e dos selos de sustentabilidade coma este no eido das relacións comerciais, xa que son instrumentos perfectos para asegurar a nosa competitividade no mercado e garantir a calidade dos produtos do noso mar. Así, Rosa Quintana fixo fincapé no incremento das descargas de berberecho en Noia o ano pasado, que medraron un 70% e a facturación aumentou nun 80%.

Previamente, na Casa da Cultura tiveron lugar dúas ponencias: “A identidade de orixe xeográfica do berberecho galego: resultados proxecto Valober.gal”, de Manuel Rey, doutor en Ciencias e catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular da USC; e “Modelo de gobernanza pesquería de berberechos e ameixas da Confraría de Pescadores de Noia. Recoñecemento internacional de Nacións Unidas FAO”, de Juan Gómez Blanco, da Confraría de Pescadores de Noia.

Comentarios
Lo más