miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

25 anos traballando pola defensa da mocidade

25 anos traballando pola defensa da mocidade
25 anos traballando pola defensa da mocidade

Gabou o intenso traballo a prol do desenvolvemento integral da mocidade que levan a cabo as cinco entidades que integran a federación: Abeiro da Coruña, Abertal de Vigo, Amencer de Ourense, Ateibo de Lugo e Don Bosco de Santiago

A conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez, acompañada da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, asistiu onte aos actos con motivo do 25 aniversario da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia. 

Unha entidade da que forman parte as asociacións Abeiro da Coruña, Abertal de Vigo, Amencer de Ourense, Ateibo de Lugo e Don Bosco de Santiago e que traballa no eido da prestación de servicios á mocidade galega.

Así as cousas e durante a súa intervención Fabiola García gabou o labor que dende hai máis de dúas décadas leva desenvolvendo a Federación na promoción entre a mocidade galega de valores como o esforzo, o traballo, a xustiza, a solidariedade ou o voluntariado. Valores, dixo que “deben de estar moi presentes na educación dos nosos nenos, nenas e adolescentes se queremos construír unha sociedade cada vez máis xusta, democrática e solidaria”.

Así mesmo, a conselleira de Política Social subliñou o traballo que están a realizar no eido da promoción do voluntariado, da educación non formal e da normalización e promoción da lingua e da cultura galegas, así como na integración social daqueles mozos e mozas en risco de exclusión. E, neste punto, a titular das políticas sociais do Goberno galego comprometeu o apoio “a todas cantas iniciativas levedes a cabo na defensa e promoción da nosa xuventude”.

Máis polo miúdo, Fabiola García lembrou que nestes momentos, a Xunta de Galicia mantén varias liñas de colaboración abertas coa Federación de Centros Xuvenís Don Bosco, tanto a través do reparto de fondos do 0,7% do IRPF como dende os programas de educación non formal que impulsa a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Finalmente, a conselleira de Política Social trasladou os parabéns da Xunta de Galicia ás entidades que integran a federación polas “máis de dúas décadas de intenso traballo a prol do desenvolvemento integral da infancia”. “A miña noraboa e o meu recoñecemento – engadiu a conselleira- e ogallá poidamos celebrar outros 25 anos máis de traballo e dedicación pero nunha sociedade máis xusta e solidaria, valores que vos representan e que estades a espallar entre a mocidade galega”, rematou.

Comentarios
Lo más