Trasladada unha muller ao sufrir unha crise de ansiedade por mor dun incendio na súa vivenda
O 112 Galicia recibía a alerta dun incendio nesa rúa, sobre as 21:15 horas da pasada noite, a través dos axentes da Policía Local
Unha muller foi trasladada ao CHUAC por sufrir unha crise de ansiedade despois de producirse un incendio na cociña da vivenda na que reside, situada na Rúa Pintor Lucio Muñoz, no termo municipal de Cambre.
Segundo indicaron os Bombeiros de Arteixo, que acudiron ao lugar nada mais ser alertados polo 112 Galicia, ardeu a campá extractora da cociña e víronse afectados polo fume os mobles do carón . Ademais, indicaron que cando chegaron ao punto, os mesmos veciños desaloxaron –por precaución- o edificio. Unha vez extinguido, todos puideron volver ás súas vivendas.
O 112 Galicia recibía a alerta dun incendio nesa rúa, sobre as 21:15 horas da pasada noite, a través dos axentes da Policía Local. Con estes datos, os profesionais do 112 puxeron en alerta aos Bombeiros de Arteixo e aos efectivos de Protección Civil.
Tras chegar, os axentes comprobaron que as lapas xa foran sufocadas e que só había fume na cociña do inmoble. Por iso, os membros do parque comarcal continuaron igualmente ao lugar dos feitos.
Unha vez ventilado o inmoble e evacuada a muller polos servizos sanitarios, os Bombeiros deron por rematada a súa intervención.