Mobilizado o GALI para a limpeza dunha estrada a causa do incendio dun coche en Moraña
O coche ardeu na súa totalidade e os servizos de emerxencias remataron a súa actuación.
O Grupo de Apoio Loxístico da AXEGA foi mobilizado esta madrugada para a limpeza de líquidos que un turismo derramou ao incendiarse na estrada pola que circulaba.
O incendio tivo lugar a noite pasada. Pasados uns minutos das 23:00 horas, o mesmo dono do vehículo, pedía axuda ao 112 Galicia. Aseguraba que non había persoas feridas pero que o coche lle comezara a arder á altura da Pontenova, na estrada que enlaza Cuntis e Moraña.
Tras recibir o aviso, os xestores do 112 axiña puxeron en alerta aos membros do GES da Estrada, á Garda Civil de Tráfico e aos efectivos de Protección Civil da localidade. O coche ardeu na súa totalidade e os servizos de emerxencias remataron a súa actuación. Sen embargo, axiña foron reclamados –de novo- debido á cantidade de líquidos que o vehículo derramou pola Ponte, lugar onde foi calcinado o turismo. Ademais, as augas do Umia podían verse afectadas.
Por iso, un equipo do Grupo de Apoio Loxístico da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) desprazouse ata o lugar con barreiras anitcontaminantes, mantas absorbentes e outros materias, có fin de evitar que as augas do Umia se viran afectadas. Os Bombeiros do Salnés tamén foron informados dos feitos.
Sobre as 06:45 horas desta mañá, persoal do GALI daba por rematada a súa intervención. Indicaron que foron recollidos un total de 1.000 litros de auga contaminada. Así mesmo, confirmaban que a estrada quedara totalmente limpa.