Ames celebra hoxe a súa XIX Carreira Pedestre Popular de Ames
A saída e chegada de cada proba farase na rúa Alcalde Lorenzo de Bertamiráns, tal como se veu realizando nas dúas últimas edicións
O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizan para este domingo, 21 de outubro, a décimo novena edición da carreira pedestre do Concello de Ames. A proba, que este ano está apadriñada polo atleta Pedro Nimo, pertence ao VI Circuíto de carreiras populares da Deputación da Coruña. Nesta iniciativa tamén colaboran outras entidades como a Deputación da Coruña, a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, a cafetería Don Budi, Gadis, Serviplus, Los Angeles Gas, GST Telecomunicacións e Banco Sabadell.
A saída e chegada de cada proba farase na rúa Alcalde Lorenzo de Bertamiráns, tal como se veu realizando nas dúas últimas edicións, unha vez que se decidiu trasladar a proba desde o entorno do Pazo da Peregrina ao centro do núcleo urbano para así facer máis partícipe á veciñanza.
O circuíto da proba absoluta estará debidamente sinalizado e contará con indicacións en cada quilómetro, ademais de estar homologado na distancia de 10 km pola Real Federación Española de Atletismo, obxectivo acadado hai dous anos coa coincidencia da proba do Campionato Galego de 10km. Para a organización deste evento cóntase coa colaboración dos clubs de atletismo do concello (Millaraio, Sar e Bertamiráns) e ademais colaborará o club ciclista Os Esfola Arrós e maila Agrupación de Protección Civil de Ames.
Este ano inscribíronse un total de 1.432 deportistas para participar nesta carreira popular. Uns 872 rapaces e rapazas, das categorías pitufo (feminino e masculino), prebenxamín (feminino e masculino), sub 10 (feminino e masculino), sub 12, sub 14 e sub 16, están inscritos/as na carreira escolar, mentres que na proba absoluta hai inscritas 560 persoas, pertencentes ás categorías sub 18, sub 20, sub 23, sénior, máster 1, máster 2, máster 3, e máster 4.
Os dorsais retiraranse na secretaría da organización situada na Casa do Concello o día anterior á carreira, o sábado 20 de outubro, en horario das 17:00 ás 20:00 horas, ou no mesmo día da carreira ata media hora antes da proba correspondente. Para non gardar colas recoméndase recoller o dorsal o día anterior no lugar establecido. Os participantes deberán ademais colocarse na zona de saída 10 minutos antes do comezo de cada proba.