Éxito do II Encontro Internacional no Camiño Inglés
Éxito de II Congreso Internacional no Camiño Inglés, ao que asistiu a embaixadora de Hungría en España para homenaxear a János Zádori
O Concello de Oroso celebrou o venres o II Encontro Internacional no Camiño Inglés, este ano dedicado á figura do mítico peregrino húngaro János Zádori.
Asistiron, entre outras personalidades, a embaixadora de Hungría en España, Enikö Györi; os alcaldes de Abegondo, José Antonio Santiso Miramontes, e Pontedeume, Bernardo Fernandez, e o responsable de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, ademais do grupo de goberno do Concello de Oroso.
Os alcaldes dos concellos polos que pasa o Camiño Inglés destacaron a potencialidade da ruta, que cada ano bate récords de peregrinos e provoca unha desestacionalización na chegada de visitantes a Galicia.
O investigador Antón Pombo deu unha conferencia para lembrar a peregrinaxe de János Zádori, que fixo o Camiño Inglés hai exactamente 150 anos, mentres que Antonio Leira, concelleiro de Turismo de Oroso, engadiu que “resulta emotivo pensar que estamos todos no mesmo lugar polo que pasou Zádori”.
A embaixadora húgara descubriu unha placa que lembra a viaxe de Zádori e manifestou que “é un orgullo que os que pasen a partir de agora por Oroso coñezan a historia dun viaxeiro húngaro”. Enikö Györi asinou no libro de honra do Concello no CEICI, o Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés.