miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

O Instituto Internacional de Criminalística Aplicada distingue a 33 persoas e entidades coas Medallas ao Mérito Profesional e Académico

O Instituto Internacional de Criminalística Aplicada distingue a 33 persoas e entidades coas Medallas ao Mérito Profesional e Académico
O Instituto Internacional de Criminalística Aplicada distingue a 33 persoas e entidades coas Medallas ao Mérito Profesional e Académico

O momento máis emotivo da xornada foi un vídeo gravado polo porteiro internacional Iker Casillas en apoio á Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASPOH)

O alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón; o director do Centro de formación do Instituto Internacional de Criminalística Aplicada (INICA), Luís Alamancos Pampín; e Antonio Busto Cuiñas, xefe do Departamento de Toxicoloxía e Medicina Legal e Forense de INICA, presidiron na noite de onte venres a inauguración do I Congreso Internacional de Criminalística Aplicada e a entrega das Medallas ao Mérito Profesional e Académico, que INICA concedeu a un total de 33 persoas e entidades.

A gala foi presentada por Eva Millán, xornalista de Radiovoz, quen deu paso ao alcalde noiés, quen salientou o gran nivel deste congreso pois “son todas las grandes figuras de sus especialidades y que tendrán la oportunidad de traladarnos sus conocimientos a través de estas jornadas”. Así mesmo, Santiago Freire aproveitou para convidar aos presentes a desfrutar das III Xornadas de Exaltación do Berberecho de Noia, “un producto de primera calidad”.

Pola súa banda, Luís Alamancos explicou que “lo que veremos en este congreso es la diferencia entre criminología y una parte de ella como es la criminalística”. Neste sentido, amosouse “seguro de que tendremos una segunda y una tercera edición más y que convertiremos a Noia en la capital nacional de la criminalística”.

Distincións

Entre as persoas distinguidas figuran os dez poñentes convidados ao Congreso: coronel Pedro Baños Bajo, ex xefe de Contraintelixencia do Exército Europeo; Alfredo Conde Cid, escritor; María del Mar Robledo Acinas, doutora en Medicina Legal e Forense; Pablo Villarrubia Mauso, escritor e doutor en Ciencias da Información; Ioannins Koutsourais, especialista en Criminalística Forense, en organizacións criminais transnacionais e en tráfico ilegal en obras de arte; Ana Mª Bermejo Barrera, doutora en Medicina e Cirurxía, especialista en Medicina do Traballo e catedrática de Toxicoloxía; Manuel López-Rivadulla Lamas, catedrático de Toxicoloxía e investigador; Ulises Bértolo García, avogado penalista e escritor; José Ignacio Santaló Junquera, avogado e especialista en Dereito Penal; e Montserrat Llor Serra, xornalista e escritora especialista en crimes de guerra nazis.

Completan a lista de premiados: a Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASPOH); Íker Jiménez e Carmen Porter, do programa de televisión Cuarto Milenio; Eduardo Martínez Viqueira, tenente coronel da Garda Civil, historiador e escritor; Diego Calvo, vicepresidente do Parlamento de Galicia; Nava Castro, directora de Turismo de Galicia; Francisco Vázquez, ex embaixador de España no Vaticano e ex alcalde da Coruña; Susana García, deputada provincial e concelleira de Ordes; Luís Mariano Robles Velasco, profesor da Universidade de Granada e vicepresidente do Club da Constitución; Héctor Castro Bernardino, presidente do Ilustre Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña; Bebel Sánchez Macho, decana saínte da Facultade de Farmacia da USC e profesora do Departamento de Química-Física; Francisco Otero Espinar, profesor titular de Farmacia e Tecnoloxía no Grado en Farmacia e Master I+D de Medicamentos da USC; Ramón Río Iglesias, tenente coronel xefe do Escuadrón de Vixilancia Aérea Número 10 (EVA-10); José Manuel Leis Ferreiro, capitán da Garda Civil de Noia; Carla Reyes Uschinsky, xornalista e presidenta de Executivas de Galicia; Carlos Carballo Varela, profesor da USC e subdirector de Medios na CRTVG; María Meizoso Dopico, xornalista de Radiovoz e La Voz de Galicia; Emilio de la Iglesia Barros, axente na reserva a Garda Civil de Noia; Francisco Rodríguez Ferreira, presidente da Irmandade Lexionaria de Galicia; Fernando Lorda Gómez, sarxento primeiro da Bandeira de Operacións Especiais de Infantería do Tercio Alejandro Farnesio IV da Lexión; Cándido Prego Rajo, membro do primeiro continxente do EVA 10 de Noia e do Liceo de Noia; José Ortoño Fuentes, párroco de San Martín de Noia; Leopoldo Barrantes Barrantes, do Centro Ceres e detective privado.

Durante a entrega se proxectaron varios vídeos tanto de persoas que non puideron asistir, como o investigador Íker Jiménez, como de sorpresas para os presentes, como foi o vídeo gravado por Íker Casillas, porteiro internacional que xoga na actualidade no Oporto, de apoio á Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva, cuxa presidenta, Loló Suárez, e vicepresidente, Eduardo Agraso, recibiron a maior ovación da noite.

Comentarios
Lo más