Mirás considera "unha demagoxia" que o voceiro do PP solicite información ao concello sobre a variante á N-550 desde Ordes Sur a Marantes
“É un proxecto que non queren os veciños e polo que Doval nunca se preocupou cando o Partido Popular gobernaba”, asegura Manuel Mirás
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, cualificou esta semana de “demagogo e ineficaz” ao portavoz do PP, Alexander Doval, por solicitar ao concello información sobre a estrada variante á N-550 desde Ordes Sur a Marantes.
“Desa variante, que non queren veciños e comerciantes, non hai proxecto, só un estudo informativo”, sostén Mirás, que lembra que “o señor Doval tiña agochado o nunca se preocupou por este tema cando Ana Pastor e Íñigo de la Serna eran ministros de Fomento”.
Mirás falou deste tema coa vicepresidenta do Goberno, Carmen Calvo, cando estivo en Oroso no mes de setembro. E posteriormente foi recibido en Madrid polo secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Fomento, José Javier Izquierdo, e co director xeral de Estradas, Francisco Herrero.
O alcalde explicoulles aos representantes de Fomento que “non é necesario o proxecto dunha estrada alternativa á N-550 desde Ordes Sur a Marantes; é mellor unha obra de menos envergadura que consistiría nunha circunvalación en Sigüeiro polo oeste, desde a rotonda do polígono ata a bifurcación da estrada que vai ao aeroporto de Lavacolla”.
“Con esta alternativa, non perxudicamos aos negocios ubicados na N-550, que viven en gran medida dos usuarios desta estrada”, engadiu Mirás. O novo vial podería considerarse de velocidade moderada (50km/h) e evitaría os atascos para os que se dirixan ao aeroporto desde o norte da provincia.
Fomento comprometeuse a analizar o proxecto plantexado polo alcalde de Oroso, que sairá adiante mediante un convenio polo que o concello asume a N-550 e a novo vial alternativo estará en mans do ministerio. Os técnicos da Demarcación de Estradas en Galicia xa están traballando na infraestrutura e a circunvalación pode estar lista nun prazo máximo de tres anos.
Ademais, o alcalde obtivo o compromiso de que a construción dunha nova rotonda na praza da Foca levarase a cabo na maior brevidade e o investimento será de 141.639 euros.
Con esta rotonda, “pretendemos evitar os atascos que se producen na N-550 ao seu paso por Sigüeiro polos vehículos que van dirección Santiago, dirección A Coruña, os que se incorporan pola avenida da Grabanxa e os que o fan pola rúa do Portiño”, asegura Mirás
“O que ten que facer Alexander Doval é informarse mellor de como funcionan os procedementos administrativos e traballar máis polo concello; en máis de tres anos non conseguiu ningún investimento para Oroso”, remata o alcalde.