miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

O Servizo de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía do CHUS celebra o Día Mundial da Osteoporose

O Servizo de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía do CHUS celebra o Día Mundial da Osteoporose
O Servizo de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía do CHUS celebra o Día Mundial da Osteoporose

No servizo atenden cada ano máis de 400 fracturas de cadeira, unha cifra que aumenta a medida que incrementa a esperanza de vida

O Servizo de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago ven a sumarse ao Día Mundial da osteoporose que se celebra hoxe, sábado 20 de outubro.

As fracturas osteoporóticas (FrOP) en xeral, e as fracturas de cadeira en particular, constitúen un problema de saúde de gran magnitude. No hospital Clínico Universitario de Santiago atenden cada ano unha media de 400 fracturas de cadeira unha cifra que aumentou nos últimos anos debido ao envellecemento da poboación.

O xefe do servizo, o doutor José Ramón Caeiro, quere aproveitar esta data para “divulgar a necesidade dunha educación en saúde preventiva da enfermidade e terapéutica para cando xa tivera unha fractura osteoporótica, nun intento de evitar sucesivas fracturas que incrementen a morbimortalidade do paciente”. A prevención secundaria da FrOP “evita non só a dor, a discapacidade e outros efectos adversos sobre a calidade de vida do pacientes, senón o risco de mortalidade intrinsecamente asociada ás mesmas”.

Os pacientes cunha FrOP previa teñen un 86% máis de probabilidade de experimentar unha segunda fractura, e sen unha abordaxe protocolorizada, só o 20% dos pacientes cunha fractura por fraxilidade recibe o tratamento apropiado para previr fracturas sucesivas.

A International Osteoporosis Foundation (IOF) creou hai uns anos un programa denominado CAPTURE DE FRACTURE, un programa global para facilitar a implementación de modelos coordinados e multidisciplinares de atención para a prevención de fracturas secundarias. Estes modelos, denominados FLS (Fracture Liason Services) intentan dar resposta organizativa e de boa práctica en canto ao diagnóstico e tratamento dos pacientes con fracturas por fraxilidade osteoporótica.

Hai 3 anos (2015) o servizo de traumatoloxía da área sanitaria compostelá estruturou a FLS e hai un ano presentaron os resultados á International Osteoporosis Foundation (IOF) para a súa avaliación recibindo unha medalla de prata xeral (con ouro en organización e ouro no manexo de fractura de cadeira). Actualmente o servizo segue traballando, analizando as oportunidades de mellora coa intención de conseguir a medalla de ouro na reavaliación do 2019. 

Estas melloras intégranse dentro dunha abordaxe multidisciplinar da enfermidade para toda a a área sanitaria compostelá que abrangue aos servizos de traumatoloxía, reumatoloxía, rehabilitación e atención primaria. O modelo multidisciplinar FLS determinou unha redución global nas fracturas de cadeira e no risco de fractura sucesiva doutra cadeira.

Qué é a osteoporose

É unha enfermidade crónica e progresiva que se caracteriza por unha diminución da masa ósea e un deterioro da microarquitectura dos osos, o que supón un aumento da fraxilidade dos osos e do risco de sufrir fracturas. Segundo os expertos, para previr esta patoloxía é necesaria unha alimentación rica en calcio e vitamina D.

A OMS catalogou a osteoporose como unha das epidemias deste século. As fracturas osteoporóticas son a principal consecuencia desta patoloxía e é a causa das estadías hospitalarias más prolongadas en mulleres maiores de 45 anos, por riba do cancro de mama, diabete ou o infarto de miocardio. De feito, calcúlase que unha de cada tres mulleres de máis de 50 anos sufrirá alomenos, unha fractura osteoporótica ao longo da súa vida.

Comentarios
Lo más