Acampada nocturna en Ames grazas á Aula da Natureza
Esta programación dará comezo o vindeiro venres, 19 de outubro, cunha acampada e ruta polo monte de San Marcos para observar o comportamento da fauna nocturna, dirixida a nenos de entre 8 e 12 anos.
Co obxectivo de dar a coñecer o medio natural entre os veciños e veciñas de Ames, así como comprender e reflexionar sobre o importante que é o medio ambiente para todos os ámbitos do ser humano, a Aula da Natureza organiza para o curso 2018-19 os programas Variedade é Vida - Vida é Variedade (VéV) e Noites na natureza.
A primeira das actividades programadas para o último trimestre do 2018 será a única que se encadrará tanto no programa Noites na natureza como no VéV. Esta consistirá nunha acampada e ruta polo monte San Marcos para descubrir a fauna animal da zona os días 19 e 20 de outubro, destinada a rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos. Recomendase que os participantes leven roupa cómoda, unha prenda de abrigo, saco de durmir e un chándal ou prendas de durmir, esterilla en caso de tela e unha pequena mochila coa cea para o venres.
Así, para acudir á Aula da Natureza ese venres, un autobús recollerá aos nenos/as ás 17.30h na casa da Cultura de Milladoiro e ás 17.45h na praza do Concello de Bertamiráns. Unha vez na Aula, os participantes e monitores realizarán unha serie de xogos de presentación e recoñecemento do espazo para, despois, montar as tendas de campaña e formar a área de acampada. Arredor das 20.00h, iniciarase a ruta ata o monte San Marcos.
Os rapaces e rapazas, guiados polos monitores, levarán reclamos de aves e luces vermellas, o que lles fará máis fácil ver o movemento dos animais do monte á hora crepuscular, unha das máis indicadas para este tipo de observación. Unha vez alí, os participantes tomarán a cea que cada un levou mentres miran a caída da noite e a vida animal. Unha vez rematada a ruta, retomarase o camiño de volta ao campamento, onde os nenos tomarán algo quente mentres comparten as súas impresións para, finalmente, descansar nas súas tendas.
O sábado, despois de gozar dun almorzo ofrecido polo concello, os rapaces farán unha actividade artística, recollerán o campamento e, arredor das 12.00h, voltarán a casa.