miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

O sábado inaugúrase o Ronsel do Campus 2018/2019 coa presenza da conselleira de Educación Carmen Pomar

O sábado inaugúrase o Ronsel do Campus 2018/2019 coa presenza da conselleira de Educación Carmen Pomar
O sábado inaugúrase o Ronsel do Campus 2018/2019 coa presenza da conselleira de Educación Carmen Pomar

Ronsel do Campus procura entender a realidade das altas capacidades seguindo un esquema afastado dun contexto estritamente académico abordando os obxectivos mediante a inclusión de contidos extracurriculares

Este sábado a Asociación de Altas Capacidades de Galicia (ASAC) inaugura un novo curso do Ronsel do Campus, o programa de enriquecemento extracurricular que defende a idea da cooperación e o traballo en equipo a través de módulos de índole artística, científica-técnica, social-asistencial ou tecnolóxica, entre outros, como base fundamental para o desenvolvemento integral dos nenos e nenas con altas capacidades.

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, que estivo involucrada dende os inicios en ASAC, estára presente no acto de inauguración ademáis de Mar Uzal, presidenta saínte da asociaicón e Marisa Dequidt, a nova presidenta.

RONSEL DO CAMPUS

Ronsel do Campus procura entender a realidade das altas capacidades seguindo un esquema afastado dun contexto estritamente académico abordando os obxectivos mediante a inclusión de contidos extracurriculares xa que a educación académica de natureza programada e dirixida xera dificultades no desenvolvemento de experiencias creativas e potenciadoras do pensamento diverxente e do potencial cognitivo do alumnado con altas capacidades intelectuais.

Ao longo das diferentes sesións, 18 en cada curso, terase en conta os estilos de aprendizaxe máis característicos de cada grupo de alumnos, a conexión interdisciplinar como punto común de participación, a potenciación da imaxinación, os intereses máis significativos e os patróns de personalidade máis definitorios de cada individuo, proporcionando unha visión práctica baseada no Modelo SEM (Modelo de Enriquecimento Curricular do Doutor americano Joseph Renzulli, no que se propicia unha ensinanza adaptativa e individualizada, provista dos procedementos necesarios para detectar fortalezas no alumnado en xeral, e descubrir os principais intereses e elaborar as estratexias de ensinanza e aprendizaxe óptimas para cada neno e nena con altas capacidades tanto no marco curricular como no marco extracurricular.

DETRÁS DO PROXECTO

A dirección do Programa, ata o de agora a cargo de Carmen Pomar Tojo, Profesora do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación e Directora da Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades e actual Conselleira de Educación, pasará a partires deste momento, a mans da Psicóloga Educativa Miriam Fernández Barreiros membro da Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades dende fai máis de 10 anos e co-fundadora da spin-off Latento Altas Capacidades S.L., único servizo integral de atención psico-educativa as altas capacidades en Galicia avalado pola Universidade de Santiago de Compostela.

No equipo de dirección do Programa estarán tamén Andrea Díaz Artiaga como coordinadora de Ronsel do Campus e Noelia Villaverde Rozas e Laia Bada Balagué como subcoordinadoras; todas elas psicólogas educativas especializadas en altas capacidades.

O programa de enriquecemento extracurricular diferénciase, entre outras peculiaridades que lle aportan un rigor científico, por contar con 10 psicólogos expertos en altas capacidades que supervisan o desenvolvemento dos obradoiros nos 7 niveis, tres deles desdobrados en dúas liñas. 

Os supervisores, en Ronsel do Campus, deseñado pola Doutora Carmen Pomar Tojo, xogan un papel moi importante pois serven de apoio in situ aos monitores que desenvolven os 32 obradoiros e informan tanto aos monitores como as familias dos posibles conflitos e das necesidades individuais dos nenos e nenas con altas capacidades que participan neses obradoiros. 

A supervisión por parte de profesionais amplamente cualificados no eido das altas capacidades e no desenvolvemento integral dos perfís do neno ou nena con altas capacidades, é un eixe do Programa que permite facilitar unha atención equitativa a todos os nenos e nenas que participan no Programa e por ende ás súas familias.

Cada un dos obradoiros do programa é conducido por un especialista no eido temático no que se enmarca o obradoiro e formado na atención extracurricular de nenas e nenos con altas capacidades; sendo 35 o número total de monitores neste curso 2018/2019 en Ronsel do Campus.

OBRADOIRO DO RONSEL

O curso divídese en dous cuadrimestres: un ten lugar de outubro a febreiro e outro de febreiro a xuño. Os obradoiros desenvólvense cunha periodicidade quincenal, fixándose o calendario dos mesmos ao principio de cada cuadrimestre. Ata a actualidade estábanse a desenvolver en espazos cedidos pola Facultade de Psicoloxía e pola Facultade de Ciencias da Comunicación. Este curso amplíanse os espazos contando co apoio da Facultade de Dereito; polo tanto todo desenvolvese na Universidade de Santiago de Compostela.

Son os nenos e nenas de Altas Capacidades os que amosan na primeira sesión de cada cuadrimestre, as súas preferencias por uns ou outros obradoiros, dentro de cada nivel, dos que gozarán durante cada curso do Programa.

Comentarios
Lo más