miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

"Toponimízate" divulga a riqueza dos nomes da terra e anima a participar na recuperación da microtoponimia

"Toponimízate" divulga a riqueza dos nomes da terra e anima a participar na recuperación da microtoponimia
"Toponimízate" divulga a riqueza dos nomes da terra e anima a participar na recuperación da microtoponimia

Toponimízate’ chegará entre outubro e decembro a 15 concellos das catro provincias

A segunda edición do programa Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra divulgará a riqueza da toponimia galega nos vindeiros meses nun total de 15 concellos. Será a través de charlas dirixidas ao público xeral nas que, ademais de poder coñecer a orixe e o significado dos nomes de cada concello e das súas parroquias e aldeas, aprenderase a usar a futura aplicación colaborativa que pretende contribuír á preservación e difusión da microtoponimia galega a través da xeorreferenciación e xeolocalización. 

A Real Academia Galega coordinará esta iniciativa coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A acción enmárcase dentro dos proxectos Toponimia de Galicia e GeoArpad que coordina a Xunta de Galicia.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o técnico do Seminario de Onomástica da Academia, Vicente Feijoo, e María Luísa Pena Babío, en representación da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, presentaron hoxe en rolda de prensa na sede da Academia a segunda edición deste programa, que terá lugar entre os meses de outubro e decembro en quince concellos da Rede de Dinamización Lingüística: Arzúa, Brión, Cariño, Miño, Muros, Castro de Rei, Cospeito, Foz, O Páramo, Celanova, Parada do Sil, Xinzo de Limia, A Lama, Moaña e Ribadumia. Vicente Feijoo visitará todos estes concellos cunha serie de charlas que contan coa colaboración, na elaboración das etimoloxías, do profesor da Universidade de Vigo e académico correspondente Gonzalo Navaza.

O presidente da RAG recordou a excepcional riqueza toponímica de Galicia e salientou que preservala é un compromiso colectivo como o foi a súa creación. “Poucos países contan cunha xeografía tan humanizada como Galicia. Cada rueiro, cada camiño, cada regato, cada cancela, ata os máis pequenos currunchos, non digamos as cidades e os núcleos de poboación, teñen nome. 

Os nomes de lugar son a alma da Terra, a crónica profunda da historia dos avós, dos devanceiros todos, dende a noite dos tempos, que deixaron pegada neste país. Detrás de cada nome de lugar está a memoria dos que habitaron mundo antes ca nós, para que saibamos deles, para que llelo transmitamos aos nosos fillos. Este tesouro construímolo entre todos e gardalo, consérvalo, estudalo, é un labor tamén colectivo, algo no que debemos sensibilizar o conxunto da poboación”, expresou. Víctor F. Freixanes lembrou nese sentido que a Real Academia Galega, a través do Seminario de Onomástica, traballa moi activamente neste eido.

O secretario xeral de Política Lingüística subliñou, na mesma liña, que a toponimia e a microtoponimia “forman parte do patrimonio inmaterial dos e das galegas, unha gran riqueza e obra colectiva que non podemos deixar esmorecer”. “A súa recuperación e fixación é un compromiso do Goberno galego en estreita colaboración coa Real Academia Galega, no marco do proxecto Toponimia de Galicia”, engadiu.

Comentarios
Lo más