Agustín Hernández propón a recuperación dos terreos do antigo campo de fútbol na Barciela
É unha superficie duns 7.500 metros cadrados, situada na traseira da estación de servizo, que está catalogada como equipamento no PXOM
Desde hai varios anos un terreo de aproximadamente 7.500 metros cadrados situado nas proximidades do lugar do Valado, na parroquia da Barciela, na parte de atrás da estación de servizo existente á beira da N-550, permanece na súa maior parte en estado de abandono, cheo de silvas e xestas.
O lugar chama a atención desde lonxe pola existencia de catro altas torres de iluminación enferruxadas que testemuñan o seu antigo uso como campo de fútbol. Era o popularmente coñecido como “Catro Ventos”, onde xogaba o equipo de Sigüeiro ata que o Concello de Oroso construíu unhas novas instalacións no seu propio termo municipal.
Co paso dos anos e a falta de actividade, este terreo da Barciela foi converténdose nun mato no que hoxe, ademais das citadas torres de iluminación, apenas se distingue unha das porterías, case engulida pola vexetación, e as ruinosas instalacións que noutrora foron vestiarios e almacén.
O Grupo Municipal do Partido Popular faise eco das peticións recibidas por varios veciños nunha recente estadía no lugar, nas que mostraban a súa preocupación polo abandono e o interese por darlle unha utilidade a este terreo, sobre todo tendo en conta a súa cualificación urbanística –figura como “equipamento” no vixente PXOM- e a súa situación, rodeado en dous dos seus laterais por un vial asfaltado pola que discorre o Camiño Inglés a Santiago.
Segundo as informacións recibidas polos populares, este terreo é de propiedade particular, polo que calquera actuación inicialmente corresponderíalle, loxicamente, aos seus lexítimos propietarios, incluíndo a súa limpeza. T
endo en conta a actual situación desta propiedade, o seu antigo uso e o potencial que podería achegar o seu acondicionamento para a veciñanza máis próxima, o Partido Popular presentou unha proposta de acordo que se debaterá no Pleno municipal deste xoves para que o Concello contacte coa persoa ou entidade propietaria deses terreos hoxe abandonados, a fin de acadar a súa limpeza, “sen renunciar á posibilidade de establecer algún convenio ou acordo para o seu acondicionamento e a obtención dun uso público desa superficie en beneficio da veciñanza.”