Falece un home tras chocar contra un camión en San Cristovo de Cea
O sinistro ocorreu na OU-504, á altura de San Fagundo, ao fío das 14:00 horas
Un home que circulaba nunha furgoneta faleceu esta tarde ao colidir contra un camión en San Cristovo de Cea. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, tanto o varón falecido coma o condutor do camión tiveron que ser excarcerados polos Bombeiros do Carballiño, ao quedar atrapados no interior dos vehículos accidentados.
O sinistro ocorreu na OU-504, á altura de San Fagundo, ao fío das 14:00 horas. Nese momento, unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para dar conta do accidente.
Nada máis recibir o aviso, o persoal do 112 Galicia puxo a situación en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, que mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Ourense. Do mesmo xeito, os xestores do 112 Galicia pasaron o aviso aos Bombeiros do Carballiño e á Garda Civil de Tráfico.