A Deputación da Coruña destina máis de 80.000 euros para mellorar a accesibilidade no pavillón do Milladoiro
As obras inclúen a instalación dun ascensor exterior que dará acceso á planta superior do pavillón, onde se habilitará unha zona para espectadores en cadeiras de rodas
O Plan Único da Deputación da Coruña financia con 81.642,33 euros as obras de mellora da accesibilidade do polideportivo de Milladoiro, no concello de Ames.
As obras, que o Concello de Ames ven de sacar a licitación na Plataforma de Contratación do Estado, incluirán a instalación dun ascensor exterior con estrutura metálica e habitáculo de cristal que permita o acceso directo á planta superior do pavillón deportivo das persoas con mobilidade reducida.
Na zona superior á que dará acceso o ascensor habilitarase un novo espazo especialmente habilitado para espectadores usuarios de cadeiras de rodas e colocaranse novas varandas de seguridade adaptadas.
Os traballos incluirán tamén a adaptación dos aseos e a zona de conserxería do polideportivo, segundo as normativas vixentes para facilitar o seu uso por parte de persoas con dificultades de mobilidade ou en cadeiras de rodas
Finalmente, adaptaranse prazas especiais de estacionamento de vehículos no exterior do recinto e mellorarase o acceso ao vado peonil que de entrada ao edificio.