Este mércores remata o prazo de inscrición na XIX Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames
A proba constará dun circuíto de 10 quilómetros homologado pola Real Federación Española de Atletismo no pasado ano 2016, cun percorrido dende os 200 metros ata os 10 quilómetros, e un total de 18 categorías
O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizan o vindeiro domingo, 21 de outubro, a décimo novena edición da carreira pedestre do Concello de Ames. A proba, que este ano está apadriñada polo atleta Pedro Nimo e xa conta con máis de 619 inscritos, pertence ao VI Circuíto de carreiras populares da Deputación da Coruña.
Nesta iniciativa tamén colaboran outras entidades como a Deputación da Coruña, a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, a cafetería Don Budi, Gadis, Serviplus, Los Angeles Gas, GST Telecomunicacións e Banco Sabadell.
A saída e chegada de cada proba farase na rúa Alcalde Lorenzo de Bertamiráns, tal como se veu realizando nas dúas últimas edicións, unha vez que se decidiu trasladar a proba desde o entorno do Pazo da Peregrina ao centro do núcleo urbano para así facer mais partícipe á veciñanza. O circuíto da proba absoluta estará debidamente sinalizado e contará con indicacións en cada quilómetro, ademais de estar homologado na distancia de 10 km pola Real Federación Española de Atletismo, obxectivo acadado hai dous anos coa coincidencia da proba do Campionato Galego de 10km.
Para a organización deste evento cóntase coa colaboración dos clubs de atletismo do concello (Millaraio, Sar e Bertamiráns) e ademais colaborará o club ciclista Os Esfola Arrós e maila Agrupación de Protección Civil de Ames.
HORARIOS E DISTANCIAS
Os corredores da proba absoluta e da categoría xuvenil tomarán a saída ás 10:30 horas da mañá dende a rúa Alcalde Lorenzo. Ás 12:00 horas está previsto que comecen as probas da categoría pitufo (nados no ano 2014 e posteriores), que correrán unha distancia de 200 metros. A esta seguiranlle os grupos prebenxamíns (350 metros), benxamíns e alevíns (1.000 metros), infantís e cadetes (2.000 metros), é dicir, todos os nacidos entre os anos 2003 e 2013.
Recibirán trofeos os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculinos e femininos e os tres primeiros absolutos masculino e feminino. Na proba absoluta recibirán trofeo os tres primeiros clasificados locais empadroados no Concello de Ames. Este ano, como novidade, e por primeira vez na historia da carreira, tamén recibirán trofeo os tres primeiros clubs da carreira absoluta. Por último, ao igual que nos últimos anos, os mais pequenos recibirán a súa medalla de chocolate como recoñecemento do esforzo realizado.