Dúas persoas trasladadas ao Hospital despois dunha saída de vía no concello da Rúa
Ocorreu no punto quilométrico 468 da N-120, ao fío das 16:50 horas
Dúas persoas foron trasladadas a un centro hospitalario despois de que o coche no que circulaban rematase fóra da vía no termo municipal da Rúa.
Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, tamén no mesmo punto tivo lugar unha colisión por alcance entre dous vehículos, cuxos ocupantes detiveran a marcha para socorrer ás persoas feridas na saída de vía. Neste caso, non houbo que lamentar danos persoais.
Varios particulares contactaban co 112 Galicia para alertar do sinistro e indicaban no seu relato que unha das persoas feridas se atopaba atrapada.
Así, ata o lugar do sinistro acudiron, tras recibir o aviso do persoal do 112 Galicia, os efectivos sanitarios do 061-Urxencias Sanitarias, os Bombeiros e o GES de Valdeorras, a Policía Local e a Garda Civil de Tráfico.
Unha vez no lugar dos feitos, os membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Valdeorras descartaron empregar o material de excarceración. Iso si, axudaron ás persoas a saír do coche, que rematou nunha posición que impedía aos seus ocupantes saír polo seu propio pé.