Suben un 28,8% os asuntos en trámite a causa da folga de funcionarios
Ao termo do trimestre quedaron pendentes 151.063 asuntos, un 28,8 por cento máis que na mesma data do ano anterior, cando estaban en trámite 117.280
O informe sobre a situación dos órganos xudiciais feito público hoxe pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial evidencia os importantes efectos que tivo a folga de funcionarios que desde febreiro ata maio afectou ao normal funcionamento da Administración de Xustiza en Galicia.
Entre os pasados 1 de abril e 30 de xuño, os órganos xudiciais da comunidade resolveron 68.943 asuntos, fronte aos 84.991 que se finalizaron o ano pasado nas mesmas datas, o que significa un 18,9 % menos. Ao termo do trimestre quedaron pendentes 151.063 asuntos, un 28,8 por cento máis que na mesma data do ano anterior, cando estaban en trámite 117.280.
O número de asuntos ingresados nos xulgados e tribunais galegos no segundo trimestre do ano foi de 84.922, fronte aos 83.352 no mesmo período de 2017, o que representa un aumento do 1,9 por cento. A entrada de asuntos experimentou un ascenso en todas as xurisdicións, excepto na penal.
Datos por xurisdicións
Na xurisdición civil, o número de asuntos ingresados en Galicia no segundo trimestre do ano foi de 34.920, o que supón un aumento do 10,5 por cento respecto ao mesmo período do ano anterior. Nese tempo resolvéronse 24.330 asuntos, quedando en trámite ao final do período 76.733, un 41,7 % máis que en 2017.
Na xurisdición penal entraron 38.567 asuntos, 268 de media por órgano xudicial, o que supón un 6 por cento menos que no segundo trimestre de 2017. O número de asuntos resoltos foi de 35.219 e o de asuntos en trámite ao final do período de 42.582, un 25,6% máis que o ano pasado.
Na xurisdición contencioso-administrativa ingresaron 2.651 asuntos entre os pasados 1 de abril e 30 de xuño, o que supón un 11,7 % máis que no mesmo período do ano anterior. Resolvéronse 1.964 asuntos e quedaron en trámite 6542, un 24 por cento máis en que en 2017.
Por último, a xurisdición social experimentou un aumento na entrada de asuntos, xa que os 8.784 ingresados representan un 5,4 por cento máis que no segundo trimestre de 2017. O número de asuntos resoltos nesta xurisdición foi de 7.430 e quedaron en trámite ao final do período 25.206, un 5,2 máis.
Taxa de litixiosidade
A taxa de litixiosidade en Galicia situouse en 31,4 asuntos por cada mil habitantes, o que implica unha subida de case nove puntos con respecto ás mesmas datas do ano pasado, cando, con 22,1, foi a máis baixa do conxunto do Estado.
Datos por provincias
As provincias da Coruña e Pontevedra tiñan en trámite ao comezo do segundo trimestre deste ano 54.320 e 42.902 asuntos, respectivamente, e, ao finalizalo, quedaron pendentes na Coruña 61.244 (un 12,7 % máis) e, en Pontevedra, 48.651 (13,4 % máis).
Os xulgados de Lugo comezaron o período con 18.138 casos sen resolver e terminárono con 19.231, é dicir, un 6 % máis. A provincia de Ourense tiña pendentes ao finalizar o período estudado 14.736 asuntos, fronte aos 13.711 do inicio do trimestre, é dicir, un 7,4 % máis.
En canto a casos ingresados, A Coruña rexistrou 32.425 e resolveu 25.054; e Pontevedra, 29.434 asuntos, dos que finalizou 23.195. A provincia de Lugo recibiu 8.468 casos, case os mesmos que Ourense (8.353), dos que resolveron 7.434 e 7.352, respectivamente.