Extinguido o incendio declarado a tarde pasada en San Cibrao das Viñas
Polo momento, descoñécense as causas que orixinaron o lume
Á primeira hora desta mañá, os Bombeiros de San Cibrao informaron ao 112 Galicia que o lume que derruíu practicamente a nave industrial do Polígono de Barreiros de San Cibrao das Viñas, quedou extinguido, aínda que durante toda a noite un retén de Bombeiros vixiaría a zona, para evitar que algún rescaldo se reavivase e afectase a outras naves do carón. Afortunadamente, tampouco houbo que lamentar danos persoais.
O 112 Galicia tivo constancia do incendio ao fío das 19:00 horas da tarde pasada, foi a esa hora cando varios particulares comezaron a percibir o fume dende varios puntos e cando se activa un operativo formado polos Bombeiros de San Cibrao, Garda Civil e Protección Civil.
A partir de aí, foron sumándose os Bombeiros de Ourense, Celanova, Xinzo de Limia, membros do GES e de Protección Civil de Pereiro de Aguiar, de Ourense, de Maceda e persoal de extinción de Medio Rural. Ademais, no lugar, o Servizo Provincial de Emerxencias da Xunta de Galicia constituíu un Posto de Mando Avanzado dende o cal se coordinaron todos os servizos de emerxencia desprazados no punto.
Nada mais recibir a primeira chamada de alerta, o 112 Galicia tamén puxo en alerta ao 061-Urxencias Sanitarias, por si -nalgún momento- fose precisa a súa intervención. De igual xeito, o persoal do Concello e do Servizo de Medio Ambiente da Xunta de Galicia tamén foron informados da situación.