O xadrez, camiño do futuro
Carlos Arias fála sobre o campionato Mundial sub 8 a sub 12 que se celebrará en Santiago de Compostela
As dúas primeiras semanas do próximo mes de novembro traen a Compostela o campionato mundial de xadrez, nas categorías que van dos oito aos doce anos de idade. Unha ocasión magnífica para reflexionar non soamente sobre este combate mental inocuo, senón tamén respecto do sentido do xogo en por si, do desenvolvemento da mente e das súas capacidades en períodos temperáns da vida.
Tamén unha oportunidade extraordinaria para nos inserirmos na convivencia de miles de persoas, dun centenar de países, con distintas linguas e culturas, con diferentes razas, que se mesturan arredor da linguaxe universal da beleza do xadrez. Un foro marabilloso onde as diferenzas forman parte da riqueza común, do entendemento e do respecto colectivo.
Quen crea que se trata dunha competición menor, na que a simpatía de nenos e nenas constitúa a única compensación pola falta de calidade das partidas, quizabes que se equivoque radicalmente: o xadrez demostra como as persoas temos desde moi cedo unha enorme capacidade para xestionar intelectualmente os nosos recursos, dado que a velocidade á que evolucionan as xogadoras e os xogadores nesta etapa parece meteórica. A evidencia témola na gran figura que esperamos en Compostela, o estadounidense de familia coreana Christopher WoojinYoo, que recentemente se proclamou o máis novo campión absoluto de California da historia.
Ver os seus vídeos abraia, porque en ocasións aparece de pé sobre a cadeira para alcanzar a oitava fila do taboleiro, á vez que desenvolve un xogo potentísimo e cunha seguridade abraiante. Aos seus 11 anos, gañoulles a grandes mestres, e contaría no grupo de candidatos ao triunfo na inmensa maioría dos torneos que se xogan no mundo.
Podería tratarse dunha excepción -éo claramente-, pero, amais del, outras nenas e outros nenos chegan a un gran nivel a estas alturas. Simplemente con que desenvolvan o interese e conten co apoio adecuado, convértense deseguida en rivais temibles para calquera que acade un nivel medio e mesmo alto de xogo. En termos futbolísticos, poderían equipararse a moi bos equipos de segunda A ou, mesmo, da metade inferior da táboa de primeira división. Casos coma os do ruso Andrei Karjakin -o último rival de Magnus Carlssen polo título mundial-, as tres irmás Polgar -con Judith, a menor, á cabeza-,Bobby Fischer, os mallorquinos Arturo Pomar e Paco Vallejo e outros moitos demostran que, en xadrez, os tempos contan de forma distinta que en deportes nos que o desenvolvemento físico se presenta como esencial.
Aínda queda camiño para evolucionar, por suposto, dado que unha mente que se exercita ten sempre un banzo máis que ascender, pero cada vez hai menos xadrecistas con experiencia que, ante unha mirada infantil diante, sintan a tentación de se relaxaren e esperar a que caia o punto da súa banda. A súa capacidade de atención, xunto coa alegría e a creatividade do seu xogo, danlles un impulso difícil de parar, e máis vale poñer todos os recursos dispoñibles para ver quen leva a vitoria.
Algunhas ou algúns de quen xoguen na Cidade da Cultura obterán en poucos meses títulos internacionais. Todo dependerá do ritmo que lles marquen as súas adestradoras ou os seus adestradores; de que prefiran dosificar a súa presenza en torneos ou o seu crecemento noutros aspectos da vida. Para lograr a acreditación de mestre internacional (MI) fan falta tres resultados destacados -denominados normas- en competición; unha vez lograda, conseguirán a de gran mestre (GM) con outras tres normas, máis esixentes, como parece lóxico, noutros tantos torneos.
Esta realidade, á parte de constituír un grande aliciente para acudir presencialmente á sala de xogo do Gaiás, ou de seguir as partidas por internet, pode servir para reconsiderar algunhas cuestións respecto da educación e do proceso de maduración intelectual: o xadrez demostra que a mente está capacitada para tomar decisións en situacións complexas desde moi pronto; que podemos xestionar o tempo eficazmente enseguida, ou que a motivación e autoconfianza teñen máis peso que a repetición de patróns aprendidos.
Como ferramenta educativa, cada vez conta con máis presenza, polos moitos valores que desenvolve, incluídas a responsabilidade e o respecto ao marco de convivencia, pero poderiamos destacar entre elas a do equilibrio entre o aprendido -a base necesaria- e a capacidade de descubrir -a achega persoal que define a calidade do xogo-, como un exemplo moi significativo de onde está o camiño do futuro.